[20-04-2012] O Concello de Ames en colaboración co Club de Atletismo Milla Raio e Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns organizan a I Andaina Solidaria por Ames que se desenvolverá o vindeiro domingo 29 de abril. Esta andaina comezará ás 10:00 horas e realizarase pola senda verde, pero terá dous puntos de partida, Bertamiráns e O Milladoiro. Os participantes camiñarán ata un punto de encontro que será o campo da festa de Bugallido. Posteriormente, os camiñantes volverán cara ao punto de partida. Os participantes que saian dende O Milladoiro andarán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que as persoas que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorrerán 12 quilómetros. As persoas que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse chamando ao número de teléfono 981 884 991 ou enviando un correo electrónico a deportes@concellodeames.org. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de abril ás 14:00 horas. A participación na carreira requirirá o pagamento dun donativo de tres euros co obxectivo de recadar fondos para Cáritas.
A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado Ames organiza a I Andaina Solidaria por Ames que se celebrará o próximo 29 de abril a partir das 10:00 horas. Trátase dunha actividade deportiva para recadar fondos para as persoas máis desfavorecidas do concello. Os fondos recadados entregaránselle a Cáritas Diocesana do Milladoiro e Bertamiráns. Todos os participantes terán que facer un pequeno donativo de 3 euros. Nesta iniciativa tamén colabora o Club de Atletismo Milla Raio.
Esta andaina desenvolverase pola senda verde, que une Bertamiráns e O Milladoiro a través de vellos camiños e novas pistas forestais, que percorren zonas cun interesante valor patrimonial e paisaxístico. A saída está prevista para as 10:00 horas, pero haberá dous puntos de partida, unha na Praza do Concello, en Bertamiráns, e outra no parque infantil de Ventín, no Milladoiro. As persoas que saian dende O Milladoiro andarán unha distancia de 14 quilómetros, mentres que os participantes que partan dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, percorrerán 12 quilómetros.
Os camiñantes encontraranse nun punto intermedio, no campo da festa de Bugallido. Neste lugar establecerase un punto de avituallamento. Os participantes poderán levar algo para comer co fin de repoñer forzas. Tamén haberá sorteo de agasallos. Posteriormente, os camiñantes volverán cara ao punto de partida. A andaina terá unha dificultade media e está dirixida ás persoas que lles guste camiñar e gozar da natureza. Recoméndase levar auga e calzado cómodo.
Inscricións
Todas as persoas que desexen participar na primeira andaina solidaria terán que inscribirse antes do venres 27 de abril ás 14:00 horas. Poden facelo no correo electrónico deportes@concellodeames.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 991. Deberán incluír o seu nome e apelidos, a idade, teléfono e enderezo. Para participar entregarase un donativo de 3 euros destinado integramente a Cáritas Diocesana de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta cantidade será aboada no momento da saída da andaina.