Pestanas principais

O Concello ofrece un almorzo e un obradoiro para aprender a facer marmelada na Aula da Natureza

Luns, 14 de novembro de 2011

[14-11-2011] A concellería de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade organizou para o vindeiro sábado día 19 de novembro un almorzo de chocolate con churros e un obradoiro para aprender a facer marmelada na Aula da Natureza. Ademais unha técnico guiará tanto a nenos coma maiores pola exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que acolle a Aula ata o vindeiro 29 de novembro. Dentro das actividades previstas farase tamén a carreira “Pedalea a favor do clima” que consiste en que todos os que o desexen suban nunha bicicleta estática e pedaleen, de xeito que ao final o grupo poderá saber o aforro en emisión de gases de efecto invernadoiro que se produce indo en bicicleta en comparación con outro tipo de transporte. As actividades, que son totalmente gratuitas, faranse na Aula da Natureza da Ameixenda o próximo sábado de 10.30 a 13.30 horas e para participar chega con inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665. A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Eugenia Martín Vicente, anima a que os amienses asistan o vindeiro sábado a esta actividade na que se convina o entretemento coa aprendizaxe.


A técnico do Concello explicará diversos aspectos relacionados co cambio climático que se reflexan na exposición "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción". Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY -Acción Educativa polo Clima- que pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

Moitas actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases efecto invernadoiro, e polo tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as vagas de calor, tormentas, inundacións... son algunhas das consecuencias que previsiblemente provocará a aceleración do cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto aconteza, pero é preciso que todos os sectores sociais se involucren na loita contra este fenómeno global. Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai unha gran confusión sobre el por parte da cidadanía. Con esta exposición preténdese dar a coñecer aos amienses o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.

A Concellería de Medio Ambiente trae esta exposición a Ames para potenciar a difusión da realidade do cambio climático e as súas consecuencias a curto, medio e longo prazo e para dar a coñecer as medidas que cada quen individualmente pode adoptar para contribuír na desaceleración do mesmo. A exposición consta de 19 paneis que tratan de xeito amplo distintos aspectos do tema do cambio climático, tamén ten unha proxección audiovisual e módulos interactivos nos que por exemplo se pode calcular cantas emisións se evitan collendo a bicicleta en lugar do coche.

A exposición intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

As consecuencias da aceleración do cambio climático poden provocar importantes custos ambientais, sociais e económicos que condicionarán o noso desenvolvemento. De non concienciar á cidadanía para que contribúa con boas prácticas á desaceleración do cambio, este pódese converter nunha ameaza para a supervivencia dos seres vivos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Aula da Natureza enseña a niños amienses a cocinar y a combatir el cambio climático"