[14-01-2017] O Concello de Ames realizou melloras nos equipamentos dos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro coa instalación de novas canastras de dúas alturas que permiten dispor de dous campos transversais en cada un dos pavillóns. Ademais, a vindeira semana técnicos municipais e membros do goberno acudirán ao campo municipal de fútbol de Bertamiráns, para ver onde se colocará o novo marcador electrónico que se vai a instalar neste lugar. Estas actuacións que teñen un custo de 10.786,51 euros son sufragadas a través dunha liña de subvencións da Deputación provincial da Coruña para investimentos deportivos.
O goberno municipal está levando a cabo un plan de mellora das instalacións deportivas municipais. Precisamente, dentro deste programa de actuacións enmárcanse as melloras que se realizaron nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, onde se colocaron catro novas canastras que contan con dúas alturas para poder empregalas tanto para o baloncesto como para o minibasket. Así, en cada pavillón colocáronse catro canastras (dúas de pé e dúas fixadas á parede) que permiten dispor de dous campos transversais en cada un dos pavillóns.
Por outra banda, a vindeira semana os técnicos municipais e mailo alcalde acudirán ao campo municipal de fútbol de Bertamiráns para ver onde se colocará o novo marcador electrónico que se vai a instalar neste lugar. Esta demanda, que xa ven de lonxe, é un compromiso adquirido polo actual goberno coa directiva do Bertamiráns FC e será financiada con cargo á subvención de investimentos deportivos da Deputación da Coruña.
Asemade, o rexedor municipal explicou que tal e como dixo no pleno ordinario de novembro "dende o Concello estase elaborando un plan de investimentos en infraestruturas deportivas para ter unha previsión das necesidades que existen nesta materia". Dito plan denominarase PLADEPO e está sendo ultimado para poder "ser presentado nas vindeiras semanas".
Por último, a Concellaría de Deportes vén de instalar unha nova canastra de dobre altura na praza de Chavián. Con esta nova instalación a práctica do baloncesto xa non terá que compartir espazo físico coa cancha de fútbol sala, o que ocasionaba numerosos problemas aos rapaces que xogaban a ambas disciplinas. A canastra que contén dúas alturas diferentes permitirá o xogo de minibasket e baloncesto de adultos e conta cun pintado da zona de xogo.
Ampliación do pavillón do Milladoiro
Cómpre lembrar que outra das actuacións que recentemente se acaba de aprobar é a ampliación do pavillón do Milladoiro. Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados desta instalación municipal co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros. Para elo a Deputación da Coruña concedeu unha subvención nominativa na que financiará o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que é do 20%, e que son algo máis de 16.000 euros con fondos propios.
Por último, dende a Concellaría de Deportes teñen previsto realizar outras actuacións no pavillón de Bertamiráns como son cambiar o pavimento desta instalación, con cargo ao plan complementario do plan provincial de acción social (PAS), para o que se está acelerando a tramitación administrativa de cara a chegar á nova tempada co novo chan instalado.
O concelleiro de Deportes, José Miñones, indicou que "o investimento en instalacións deportivas durante o 2016 superou os 500.000 euros e para o 2017 espérase volver a aprobar importantes investimentos en instalacións deportivas dentro do plan POS+ da Deputación e con fondos propios do orzamento".
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los pabellones de deportes estrenan material para rentabilizar el espacio"




