- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este pasado martes, 10 de setembro, unha nova xuntanza do Consello municipal de Educación, no que se falou sobre o inicio do curso escolar 2024/2025. O alcalde de Ames e a concelleira de Educación, Blas García e Carmen Porto, presidiron o Consello Escolar Municipal, xunto coa nova técnica de Educación, Natalia Quinteiro. Tamén participou Belén Agrafojo, persoal do departamento de Educación. Falouse do investimento feito polo Concello de Ames, que ascende a máis de 80.000 euros, para o mantemento de centros de ensino. Ademais, acordouse que no mes de outubro vaise fixar unha data para realizar a última xuntanza para abordar a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Durante este mes poderanse presentar propostas para a modificación de dito regulamento.
O Consello municipal de Educación celebrado o pasado 10 de setembro comezou coa concelleira de Educación, Carmen Porto, dando conta das obras de mantemento executadas nos centros educativos durante os meses de verán. Carmen Porto explicou que “as obras de mantemento nos centros de ensino realizáronse en función do orzamento que tiñamos e aínda investimos un pouco máis. De xeito inicial tiñamos orzamento para reparacións e mantementos por valor de 70.000 euros, pero debido a varios imprevistos acabaron superando os 80.000 euros”.
Na EEI Milladoiro investíronse 23.837,48 euros en traballos de pintado e 501,88 euros en fontanería. Na escola unitaria A Igrexa, na Tarroeira, cambiouse o tellado da zona da galería por 4.561 euros e executáronse traballos de albanelería por 1.700,96 euros. Na escola unitaria de Covas renovouse o chan da escola e colocouse un novo pavimento, que tivo un custo de 5.610 euros. Tamén se adquiriu un novo deshumidicador por 1.041,81 euros.
No CEIP da Maía executáronse traballos de cambio de billas, de pintado, revisión de cadeiras rotas, revisión de goteiras no teito do comedor, arranxo de azulexos no baño do ximnasio, revisión de canalóns e rexistros de pluviais, etc. No CEIP de Barouta realizáronse traballos de pintado por valor de 18.441,61. Tamén se cambiou unha pizarra dixital na aula de proxectos, retiráronse estantes, fixéronse arranxos de rodapé despegado, reparáronse todos os portais exteriores, substitución da porta do almacén e reparación integra dos portais do centro. Estes traballos tiveron un custe de 5.590,20 euros.
No CEIP Agro do Muíño pintáronse aulas de infantil e primaria, realizáronse arranxos en baños, arranxáronse/cambiáronse manillas das ventas dalgunha aulas da planta superior, arranxáronse luces leds nos baños, a baixante do canalón da entrada do centro e maila pechadura do portal de ferro da entrada do centro. No CEP de Ventín pintouse a zona de aparcamento. Ademais, a Consellería de Educación da Xunta arranxou os problemas de humidade no zona de conserxería, fixo o revestimento dunha parede do edificio do comedor, pintouse o peche exterior do centro e puxeron calefacción no patio cuberto.
Na escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns, realizouse o subministro e plantación de gramón, mentres na escola infantil A Madalena, no Milladoiro, executáronse traballos de reparación en billas, azulexos, caixóns, xogos de madeira infantís, ventas, persianas, etc. Tamén se demoleu o almacén de bombonas e pintouse a parede da zona de patio onde se retirou o almacén das bombonas. Nas escolas da Galiña Azul do Milladoiro e Bertamiráns tamén se fixeron diversos traballos de acondicionamento e mantemento por valor de 51.293 euros. Algunhas das obras realizadas nas escolas infantís da Galiña Azul son sufragadas polo Concello e outras sufráganse con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
A concelleira de Educación, Carmen Porto, explicou que “hai moitas obras que perténcenlle á Consellería como é a substitución de cubertas, o revestimento de paredes ou os cambios dos sistemas de calefacción. Ao longo desta semana acabáronse de executar os arranxos pendentes”. Sobre as obras de ampliación do CEIP Agro do muíño dixo que “segundo a previsión que ten a Consellería, as obras estarán rematadas a finais deste mes”.
Cociñas da rede municipal de comedores escolares
Outro dos puntos sobre o que se falou foi o das cociñas da rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, informouse que durante este curso na escola infantil do Milladoiro elaboraranse os pratos quentes. Os pratos fríos estarán distribuídos nos office de cada centro educativo. En Ventín elaboraranse os fríos da EEI Milladoiro, de Ventin e de Barouta; e en Agro do Muíño elaboraranse os pratos fríos de Agro do Muíño, das dúas escolas unitarias e do CEIP da Maia. Finalmente na cociña do CEIP da Maia elaboraranse as intolerancias.
Por outra banda, a concelleira de Educación, Carmen Porto, dixo que “este ano para chegar ao máximo número de familias posibles tamén se lle fará chegar a aquelas que son novas no servizo de comedor escolar a información que habitualmente se viña dando nunha reunión pola tarde. Deste xeito, asegurámonos que tendo por escrito as normas e o funcionamento do servizo, funcione dunha maneira óptima”.
Regulamento e ordenanza dos servizos complementarios
Ademais, acordouse que no mes de outubro vaise fixar unha data para realizar a última xuntanza para abordar a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Durante este mes poderanse presentar propostas para a modificación de dito regulamento.
Por último, no que respecta á ordenanza, a ANPA do CEIP da Maia fixo unha achega relativa ao tramo 30-50%, xa que houbo un erro e se acordara que quedaba en 35 euros e non en 38,85 euros. Dende a Concellaría de Educación están estudando co departamento de Intervención o xeito de cambialo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La puesta a punto de los colegios supuso más de 80.000 euros para las arcas de Ames"