Pestanas principais

O Concello instala fontes de auga nos centros educativos de Ames

Luns, 20 de setembro de 2021

Os comedores e os servizos de conciliación deixarán de utilizar botellas de plástico para o subministro de auga despois de que o concello instale fontes en cada un dos centros escolares de Ames. A medida suporá un importante aforro na factura da auga e unha considerable redución no consumo de plásticos. Xa están instaladas fontes nas escolas infantís municipais e no comedor do CEIP A Maía. Está previsto que ao longo deste trimestre se coloquen nos comedores dos colexios de Barouta, Agro do Muíño e Ventín, na Escola Infantil do Milladoiro e nas unitarias de Ortoño e Covas.

O concello de Ames subministra auga nos comedores escolares, nos servizos de conciliación Bos Días Cole e Tardes Divertidas e nos programas lúdicos de nadal, entroido, primavera e xuño. Os 1.900 usuarios/as destes servizos consumen cada ano ao redor de 40.000 litros de auga o que implica un elevadísimo consumo de plástico.

“Con esta actuación reduciremos considerablemente a factura de auga embotellada, pero ademais cumpriremos co compromiso de reducir o consumo de plásticos nos comedores escolares e nos servizos de conciliación”, declara o concelleiro de Educación, David Santomil.  

As fontes reutilizan a auga da traída despois de filtrala e depurala. Dependendo do volume de utilización, instalaranse distintos tipos. Nas escolas Infantís xa están en funcionamento fontes pequenas dun so cano. No comedor da Maía está instalada unha de tres canos automatizados e preparados para que os monitores enchan con facilidade as xerras que logo serven nas mesas onde xantan os rapaces e as rapazas.

Ao longo deste trimestre está previsto que se dote de fontes aos colexios de Barouta, Agro do Muíño e Ventín, na Escola Infantil do Milladoiro e nas unitarias de Ortoño e Covas.

Novas relacionadas

Compostela 24 Horas: "O Concello instala fontes de auga nos centros educativos de Ames"

Lindeiros: "Fontes de auga para os colexios de Ames"

Fontes nos coles

Multimedia

  • Fontes nos coles