Pestanas principais

O Concello instala colectores metálicos en forma de corazón para recoller tapóns de plástico que se destinarán a causas solidarias

Venres, 11 de xuño de 2021

A praza do Concello e o aparcadoiro da Casa da Cultura acollen xa cadanseu colector destinado á recollida de tapóns de plástico. A iniciativa, ademais de contribuír o apoio de causas solidarias, axudará a reciclar dun xeito limpo este tipo de produto.

Cómpre salientar que a reciclaxe selectiva permite unha mellor reutilización destes refugallos. A segunda vida dos tapóns adoita materializarse nun material denominado granza que se emprega para facer tubaxes, papeleiras ou valos.

Desde hai varios anos, decenas de campañas solidarias baséanse na recollida selectiva de tapóns de plástico que despois se venden co obxectivo de recadar cartos para fins benéficos. En moitos casos, os beneficios destínanse á investigación de enfermidades raras.

Para o alcalde de ames, Blas García, “a iniciativa, ademais de perseguir un fin solidario, contribúe ao coidado do medio, xa que evita que estes residuos acaben no mar ou mesturados con outros refugallos nun vertedoiro. Estamos seguros de que a veciñanza de Ames que leva anos amosando a súa conciencia solidaria, encherá en moi pouco tempo ese corazóns verdes”.

Estes dous corazóns servirán como proxecto piloto que permitirá avaliar a acollida que teñen por parte da veciñanza. A iniciativa ampliarase coa instalación de máis colectores se a receptividade é positiva.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Instalan en Ames dos colectores con forma de corazón para tapones solidarios"

Colector instalado na praza do Concello