Pestanas principais

O Concello insta á veciñanza a reducir o consumo de auga ante os preocupantes niveis de captación

Mércores, 17 de agosto de 2022

O Concello de Ames desenvolve dende o mes de xuño unha serie de medidas para reducir o consumo de auga, así como a campaña de concienciación veciñal “Augaconsellos”, coas que se conseguiu reducir o gasto en xuño nun 7,69% con respecto ao 2021. Non obstante, o consumo volveu repuntar en xullo e na primeira quincena de agosto, o que sumado á situación de seca provocou que os niveis de captación de auga estean nunha situación límite. O Concello pide a colaboración da veciñanza para facer un uso responsable deste recurso, xa que de non mudar a tendencia actual será necesario facer cortes no subministro a partir da última semana de agosto.

Dende comezos de xuño, o Concello de Ames vén adoptando unha serie de medidas co fin de reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza. Ademais, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable da auga de xeito sinxelo nun período estival especialmente caloroso e seco.

Tras un mes de xuño positivo, no que se reduciu o consumo de auga nun 7,69% con respecto ao mesmo período de 2021, os datos de xullo e da primeira quincena de agosto mostran un preocupante incremento no gasto. No mes de xullo o consumo total no concello foi de 183.513 metros cúbicos, o que supón un aumento do 2,82% con respecto ao ano anterior. Esta tendencia á alza reafírmase nos datos das primeiras dúas semanas de agosto, no que se gastaron 91.919 metros cúbicos de auga, un 4,13% máis que en 2021.

Deste xeito, e engadindo a situación de seca e as escasas precipitacións ao longo de verán, o estado dos abastecementos de auga municipais é crítico. Se a comezos de mes o nivel do río Tambre estaba 40 centímetros por riba do tubo de captación, en dúas semanas o caudal baixou aos 21 centímetros. Ademais, a captación en Quistiláns está tamén ao límite, bombeando auga a niveis habituais a finais de agosto ou mesmo comezos de setembro. O estado das captacións tamén preocupa nos núcleos rurais sen abastecemento de auga municipal, nos que nalgúns casos xa hai dificultades para servirse de auga en mananciais e pozos.

De non mudar a tendencia de gasto actual, e tendo en conta que a previsión meteorolóxica non adianta precipitacións que poidan mellorar a situación, o Concello de Ames terá que tomar medidas para combater o gasto a partir da última semana de agosto, como restricións no uso da auga ou cortes controlados no subministro.

Colaboración da veciñanza ante unha situación "moi crítica"

Para o que resta de verán e en especial durante as próximas semanas, o Concello fai unha vez máis un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga. Algunhas das medidas que pode tomar a veciñanza de xeito sinxelo inclúense na campaña dos “Augaconsellos”, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.

O alcalde de Ames e concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, mostrou a súa preocupación ante unha situación “moi crítica”. “Só basta con dar un paseo polo río Tambre para ver como están os abastecementos no noso concello, como baixa o río e o nivel que ten. Vemos con preocupación que non houbo concienciación da cidadanía durante estes meses para aforrar auga, e seguindo esta proxección, para a semana que vén teremos que empezar a facer restricións e cortes no subministro. É algo que levamos avisando dende xuño, estar concienciados e traballar para non gastar auga de forma innecesaria é cousa de todas e todos”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aumenta el gasto de agua en plena sequía y el Concello ya se plantea cortes a final de mes" | "Ames, Melide y Arzúa son los concellos del área de Santiago más afectados por la sequía"

El Correo Gallego: "Ames al límite: habrá restricciones en días si no se reduce el consumo de agua"

Enfoques: "El Concello de Ames pide reducir el consumo de agua ante niveles de captación “preocupantes”"

Imaxe de arquivo do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira

Multimedia

  • Cartaz da campaña Augaconsellos