Pestanas principais

O Concello incauta parte dos avais a unha empresa promotora por incumprimento do deber de urbanizar no sector S-09, Raíces

Domingo, 15 de maio de 2011

[15-05-2011] O Concello de Ames está levando a cabo un plan de vixilancia e control sobre todas as empresas promotoras para que cumpran o deber de urbanizar e completen as súas obras. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou iniciar un expediente de incautación parcial do aval presentado por unha empresa promotora para responder da execución das obras de urbanización do sector S-09-Raíces, sendo o importe a executar de 160.000 euros. O sector S-09, Raíces, emprázase ao sur do concello no límite do termo municipal que linda co municipio de Teo, na parroquia de Biduído. Os técnicos municipais visitaron as obras executadas neste sector S-09 e apreciaron que a urbanización atópase sen rematar. A empresa promotora non cumpriu o deber de urbanizar. A construción dos edificios levaba parella a obriga de executar as obras de urbanización. Obras que en parte non se fixeron ou se fixeron mal.

O Concello de Ames acaba de dar un paso máis na súa intención de que a urbanización do sector S-09-Raíces, na parroquia de Biduído, poda ser rematada. A Xunta de Goberno Local acordou a incautación parcial dos avais presentados por unha empresa promotora para responder da execución das obras de urbanización do devandito sector. O importe dos avais incautados ascende a 160.000 euros. O acordo responde ao incumprimento, por parte da empresa, do deber de urbanizar ese ámbito. A construción dos edificios levaba parella a obriga de executar as obras de urbanización. Obras que en parte non se fixeron ou se fixeron mal.

Os técnicos municipais visitaron as obras de urbanización do sector S-09 e apreciaron que a urbanización atópase sen rematar. Falta a execución dun ramal viario, executar a beirarrúa e o remate da calzada no fronte da urbanización ao núcleo rural de Raíces, cunha lonxitude duns 170 metros lineais. Así mesmo, está pendente de rematar a beirarrúa da rúa que se atopa máis ao leste da urbanización, o acondicionamento da zona verde pública e non consta a conexión das pluviais ao rego, segundo o recollido no proxecto. Ademais existen elementos de obras, tales como os postes de media, material de obra, que deben ser retirados.

Asemade, cómpre comprobar o cumprimento na obra executada do proxecto de urbanización aprobado e requirir a documentación correspondente ao control de calidade, que garanta a estanquidade das redes, probas de presión do abastecemento, execución segundo proxecto técnico da rede de enerxía eléctrica e o alumeado público (boletíns de alta destes servizos), etc. E considerando que non se presentou a documentación de fin de obra, hai que facer as probas que requira a comprobación dos aspectos das obras que poidan supor vicios ocultos. Ademais a empresa concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento, Espina e Delfín SL, realizou unha revisión das redes de saneamento, pluviais e abastecemento, comprobando que existen varias deficiencias que deben ser reparadas.

Segundo os informes emitidos polos directores da obra de urbanización calcúlase que un 81,50% da obra está executada, o que suporía que resta un importe de execución material de 63.825 euros, que non contempla o enlace a pluviais previsto no plan. En cambio segundo os informes dos técnicos municipais serían precisos 160.000 euros para rematar as obras que quedan pendentes de executar.

Visto o aval outorgado pola empresa promotora en outubro de 2004, por importe de 186.668,35 euros, para responder das obrigas derivadas da implantación dos servizos e da execución das obras de urbanización no sector S-09-Raíces, o Concello de Ames adoptou o acordo de incautar de xeito parcial o devandito aval, por valor de 160.000 euros, para rematar as obras de urbanización que quedan por executar.

Antecedentes
O día 26 de outubro de 2009 a comunidade de propietarios do residencial situado en Raíces, na parroquia de Biduído, presentou un escrito polo que, ante a situación de abandono da urbanización e dalgunha das fincas, solicitaron información sobre as deficiencias que impedían a recepción da mesma e sobre os motivos polos que non se concedera a licenza de primeira ocupación, instando a adopción das medidas oportunas por parte do Concello.

O Plan de etapas do Plan Parcial fixa un prazo de dous anos, dende a súa aprobación, para a finalización da urbanización, o cal rematou no ano 2006 sen que se fixera efectivo na súa totalidade. Pese a non rematarse a obra de urbanización, o día 26 de xaneiro de 2010 solicitáronse licenzas de primeira ocupación tan só de sete vivendas, achegando os correspondentes certificados finais de obra. Dende o departamento de Urbanismo informouse que non era posible a concesión das licenzas de primeira ocupación en tanto as obras de urbanización non fosen recibidas.

En maio de 2010 os servizos técnicos municipais xa informan das deficiencias e carencias da obra de urbanización que impiden a súa recepción e conseguinte outorgamento de licenzas de primeira ocupación. Posteriormente, en novembro de 2010, acordouse poñer fin ao procedemento de modificación de sistema de actuación, por transcurso dos prazos fixados no plan de etapas do plan parcial do S-09, sen que se rematen as obras de urbanización, cambiando do indirecto de concerto inicialmente previsto ao directo de cooperación, execución directa que, de ser o caso, a Administración poderá acometer con cargo aos avais presentados e/ou patrimonio dos obrigados.

A entidade promotora disporá dun prazo para presentar cantas alegacións, documentos e xustificacións consideren necesarias. De non presentar alegacións, darase traslado do presente acordo ao departamento de Tesouraría municipal coa finalidade de dirixirse á entidade avalista para esixir, a primeiro requirimento, o ingreso do aval por importe de 160.000 euros.