Pestanas principais

O Concello homenaxea a poeta de Ames, Filomena Fraga, polo Día das Mulleres

Venres, 09 de marzo de 2018

[09-03-2018] O Concello conmemorou o Día Internacional das Mulleres cun acto que se desenvolveu este xoves, 8 de marzo, ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En dito acto fíxoselle un acto de homenaxe a poeta de Ames, Filomena Fraga, que estivo acompañada de amigos/as e familiares. Interviron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e mailo escritor, guionista e profesor, Suso de Toro, un dos principais responsables da edición e publicación da obra A Cancela, de Filomena Fraga, publicado por primeira vez en 1995 e reeditado en 2006 polo Concello de Ames.


8M Día Internacional das Mulleres
En dito acto, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, tamén indicou que “o 8 de marzo non é unha data para conmemorar nin para festexar. É unha data para lembrar a todas e cada unha desas mulleres que, dun xeito ou doutro, foron abrindo camiño para que algunhas, e por desgracia non podemos dicir todas, podamos estar hoxe aquí e falar en igualdade e máis libres. Temos a responsabilidade, o deber e a obriga de ser a voz de tantas mulleres que, por desgracia, non a poden alzar. Cada ano, no noso país, morren moitas mulleres asasinadas, son vítimas das violencias machistas e o seu único delito foi o de ser muller. Outras moitas mulleres sofren a diario o acoso laboral, nas rúas, a precarización dos seus traballos, do desemprego, dos contratos a tempo parcial. E a nosa responsabilidade é maior cando falamos dos nosos mozos e mozas”.

Neste mesmo eido o rexedor municipal recalcou “aínda non podemos dicir que o 8 de marzo sexa unha data para conmemorar nin para festexar nada. A igualdade real entre homes e mulleres aínda non é un feito polo que temos que seguir reivindicando, concienciando e loitando pola igualdade real, lembrando e homenaxeando a todas esas mulleres que foron abrindo camiño. Hoxe é unha data para facer visible que aínda que se fixeron progresos, falta moito camiño por percorrer. Continúa a feminización do desemprego, dos contratos a tempo parcial, a precarización dos empregos maioritariamente femininos, as diferenzas nos salarios e nos postos de responsabilidade”.

“As mulleres son as que seguen asumindo os coidados dos fillos, fillas e familiares, coas consecuencias que iso ten para as súas carreiras profesionais e de cara á súa xubilación. As mulleres seguen a ter ese teito de cristal que temos que romper e aínda seguen a ter as pensións máis baixas. Por todo iso e moito máis, hoxe máis que nunca debemos seguir reivindicando a igualdade de xénero e a igualdade real entre homes e mulleres. Unha igualdade pola que se debe traballar día a día, todos os días do ano e en todos os ámbitos”, dixo Miñones.

Filomena, unha muller con coraxe
De seguido, interveu o escritor, guionista e profesor, Suso de Toro, que destacou “Filomena foi unha persoa que, por circunstancias da vida, desde sempre non se conformou co rol de ficar na casa e atender eses traballos. Tamén tivo unha vida pública desde hai moitos anos. E naquel mundo, Filomena comportábase cunha grande dignidade e autoridade moral, con toda a seguridade e confianza que lle daba ser ela, saber que tiña dereito ás cousas que lle pertencían. Tiña un profundo sentido do seu orgullo persoal e un sentido democrático da sociedade. Filomena para min sempre foi unha exemplificación da elegancia persoal, do orgullo individual, do sentido da dignidade profundo, dun saber á propia valía e non agochala e, sobre todo, unha muller que é coraxe. Nun tempo no que tiñamos que ser servís e baixar a cabeza, ela non sería rica e poderosa, máis tiña dignidade e levaba a cabeza ben alta”.

Tamén houbo tempo para ver un vídeo sobre a vida e obra de Filomena Fraga e as concelleiras de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e maila concelleira de Participación Veciñal, Isabel González, entregáronlle un ramo de flores a poeta de Ames. Dende a plataforma feminista galega de Ames tamén lle fixeron entrega doutro ramo de flores.

Por último, o alcalde, José Miñones, incidiu en que “Ames tiña unha débeda pendente con Filomena. Co paso dos anos fomos esquecéndonos do moito que Ames lle debe. Por iso queremos dar outro pequeno paso para solucionar ese erro. E digo pequeno paso porque por moito que fixeramos sería pouco, porque o merece todo. Filomena é desas persoas que se fan querer, desas persoas que cando te sentas a escoitala non pararías durante horas. Un exemplo vivo a seguir, un referente na loita pola iguladade que hoxe está máis presente que nunca”.

Foi un acto emotivo no que a poeta de Ames, Filomena Fraga, estivo acompañada dos seus amigos e amigas, como Máximo Viaño, declarado pola corporación municipal como cronista oficial de Ames, así como familiares da poeta. A propia Filomena Fraga dixo “sentirse moi emocionada” e engadiu “eu sei que este acto mo facedes porque me queredes ben”. Ademais, a poeta de Ames, animou a mocidade a seguir loitando na defensa dos dereitos das mulleres e en prol da igualdade. “A situación da muller cambiou moito dende que eu era nova, mellorouse moito, pero hai que seguir traballando para seguir mellorando outros aspectos que permitan dispor dunha igualdade real”.

O acto comezou cunha actuación das pandereteiras do programa Amessan. A continuación foi a quenda da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, que dixo “quixemos facerlle un acto de recoñecemento a unha muller cercana, a unha muller que a pesares das dificultades coas que se atopou si se atreveu a levar adiante os seu soños, unha muller que foi quen de ter a liberdade de escribir, que tivo liberdade para falar, unha muller de principios, ilusionada por aprender, feita a si mesma, en definitiva, unha muller feminista”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames rindió homenaje a su poeta Fraga"