Pestanas principais

O Concello homenaxea ao cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, cun emotivo acto no Pazo da Peregrina

Venres, 17 de febreiro de 2017

[17-02-2017] O Concello realizoulle este xoves, 16 de febreiro, ás 19:30 horas, un acto de homenaxe ao cronista oficial de Ames, Máximo Viaño. Neste evento de recoñecemento, que se desenvolveu no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, actuou a cantante amesá, Thais Rudiño, recente finalista do programa de televisión La Voz. Ademais, ao longo do acto interviron Xosé Amancio Liñares Giraut, Filomena Fraga, os voceiros dos distintos grupos políticos con representación na corporación municipal, así como o alcalde e o propio Maximino Viaño. O acto estivo conducido pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, e polos xornalistas Diego Viaño e Beatriz Viaño, neto e neta do homenaxeado.


Inauguración do Arquivo Histórico de Ames
Ao final deste acto procedeuse á inauguración do Arquivo Histórico de Ames, que está situado no Pazo da Peregrina. Como acto simbólico, Maximino Viaño e Filomena Fraga, depositaron neste arquivo as actas da sesión de constitución (22-06-1931) e da sesión de inauguración (21-04-1931) da corporación 1936, recentemente homenaxeada, así como as actas de constitución da comisión xestora (01-08-1936).

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o obxectivo do goberno municipal é ir enchendo este arquivo histórico. Para iso temos que elaborar un regulamento co fin de establecer os criterios que haberá que seguir para a selección e incorporación de fondos a este arquivo”.

Actuacións musicais e intervencións
Neste evento actuou a cantante amesá, Thais Rudiño, recente finalista do programa de televisión La Voz. Ademais, ao longo do acto interviron Xosé Amancio Liñares Giraut, Filomena Fraga, os voceiros dos distintos grupos políticos con representación na corporación municipal, así como o alcalde e o propio Maximino Viaño. Todos e todas tiveron palabras de agarimo para o homenaxeado.

Xosé Amancio Liñares Giraut destacou que “en Maximino está acompañando unha xeira vital de varias décadas, desde cando se fixeron titánicos esforzos, aló polos anos 50, por transformar en positivo a nosa terra, para facer rendibles as explotacións agrarias, para que o noso campo tivera futuro, para acadar un nivel de vida próspero para o mundo rural galego. Foi todo un labor de enxeñería social e aí tiveron protagonismo os labregos, os gandeiros… pero tamén houbo uns líderes entre os que está Maximino. Un home que se fixo a si mesmo, que o temos máis activo que nunca nas redes sociais, que participa na radio… unha persoa coa que hai que contar.”

O acto pechouno o alcalde de Ames,José Miñones, quen dixo “Maximino vólvenos dar un exemplo, xa que chega a esta homenaxe nunha etapa de vivencia e actividade. Grazas de corazón a Maximino. Grazas pola súa vitalidade, pola súa inquedanza, dinamismo, enerxía, polo seu ánimo. Grazas por Feiraco, por Ternera Gallega, pola súa saúde que nos permite seguir desfrutando de vostede e das súas lembranzas, esas que nos permiten seguir descubrindo Ames e a súa historia. Hai tempo que Maximino acadou a idade da sabedoría, pero sabemos que moita máis desa sabedoría queda aínda por descubrir para guiarnos. Con este acto tratamos de devolverlle un anaco de todo iso canto fixo por nós. Estou seguro de que o que está a facer e seguirá facendo pola memoria da nosa terra será recoñecido moitísimo máis”.

Un gran número de veciños/as, amigos/as, familiares e representantes dos distintos grupos políticos municipais déronse cita na sala de exposicións do Pazo da Peregrina para participar no acto de homenaxe a Maximino Viaño, que este ano cumpre 90 anos. Viaño é un histórico do cooperativismo agrario galego. Foi un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, da que foi presidente ata a súa renuncia.

O seu labor no mundo cooperativo e gandeiro compatibilizouse coa súa actividade política -concorreu ao senado co CDS- e coa súa afección á escritura. Esta última plasmouse en ensaios para publicacións agrarias ou relacionadas coa economía galega e incluso libros, como Lembranzas. Unha vida no campo galego (2001) ou Os Muíños de Riamontes: Contos da miña aldea (2004), este último editado polo Concello de Ames.

No pleno ordinario de novembro de 2015 a corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción para o nomeamento honorífico de Maximino Viaño García como cronista oficial do Concello de Ames. Agora, o Concello realizoulle un acto de recoñecemento que estivo conducido pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, e polos xornalistas Diego Viaño e Beatriz Viaño, neto e neta do homenaxeado.

Maximino Viaño agradeceu a realización deste acto e dixo “a verdade é que todos sodes amigos e por iso ninguén contou ningún defecto. E tiven moitísimos erros como toda persoa. Quero deixar constancia de que unha das cousas das que vou satisfeito á miña idade é que as catro principais empresas ás que lle adiquei cincuenta anos da miña actividade están funcionando. É a satisfacción máis grande que se pode encontrar na vida”.

Ademais, Viaño expuxo que “na vida só me marquei unhas referencias que me serviron. Non traballar para ser rico, pero facelo incansablemente para non ser pobre; non é máis rico o que máis ten, senón o que menos necesita; non des peixes, da canas e ensina a pescar; e outro que me dicía miña nai, é mellor vivir en igualdade con todos os veciños que ser rico entre sumisos e dependentes. Foron os principios que tiven de referencia pero, despois, non fixen máis que o que puiden facer. Sen a colaboración da miña familia non chegaría a facelo”.