Pestanas principais

O Concello forma a preto de vinte alumnos no módulo de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas

Mércores, 03 de decembro de 2014

[03-12-2014] O Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na rúa Costaneira da urbanización de Aldea Nova, acolle dende o pasado 3 de novembro unha nova edición do programa da Rede Xiana2. Trátase dun módulo formativo de operacións de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios. Participan 18 rapaces de Ames, Brión e Touro que, unha vez finalizado, poderán obter o correspondente certificado de profesionalidade.

En total impartiranse 300 horas de formación teórica, que se desenvolverán nos tres primeiros meses, e 100 horas de prácticas en empresas da comarca. O obxectivo desta acción formativa cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Social Europeo é que as persoas desempregadas acaden unha maior profesionalidade e teñan máis facilidade de acceder ao mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social.  

Os contidos centraranse nas novas tecnoloxías e nas enerxías renovables. Haberá varias sesións sobre operacións de montaxe e mantemento de instalación eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios, montaxe de elementos e equipos de instalacións eléctricas de baixa tensión en edificios e montaxes en instalacións domóticas en edificios. Tamén se impartirá unha formación transversal sobre a prevención de riscos laborais e medioambientais nas operacións de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa Xiana forma a 18 desempleados de Ames, Brión y Touro"