[26-07-2011] A Xunta de Galicia remitiulle o pasado día 15 de xullo un escrito ao Concello de Ames anulando o Plan parcial S-15 Travesía do Porto Sur do Milladoiro. O goberno galego basea a súa decisión no feito de que o proxecto de desenvolvemento desta unidade urbanística incumpre un precepto básico: a porcentaxe esixida na nova Lei do Solo de Galicia para vivendas con algún tipo de protección pública. O proxecto do Plan parcial S-15 destina a estes usos un 32,5% mentres que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas eleva esta porcentaxe en 7,5 puntos máis, é dicir, a un 40%.
Para o Concello a decisión da Xunta "é desproporcionada", afirma Ramón Argibay, quen asegura que tan só é un mero formalismo que podería solucionarse cunha modificación puntual sen necesidade de anular todo o expediente. Neste senso, o edil amiense sinala que o Concello xa se puxo en contacto co propietario do S-15 que posúe o maior número de parcelas (preto do 80%) para explicarlle os requisitos da Xunta e tratar de ver se acepta as condicións marcadas pola consellaría. En principio, e segundo indica o responsable de Urbanismo en Ames, Ramón G. Argibay, parece que este promotor está de acordo en realizar esta modificación e reservar o 40% do terreo para vivendas de protección.




