Pestanas principais

O Concello está executando unha área con xogos de aventuras no antigo parque infantil da Condomiña

Luns, 18 de maio de 2020

Dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos informan que se están executando a bo ritmo as obras para a construción dunha nova área de xogos de aventuras no antigo parque infantil da Condomiña. O obxectivo da reforma de dita área de xogos é executar un parque Infantil de aventuras con novos elementos de xogo e un novo pavimento coa finalidade de garantir un servizo axeitado ás necesidades existentes. Na execución deste novo parque infantil investiranse preto de 50.000 euros.

A Concellaría de Obras e Servizos Básicos, no marco de creación, renovación e mellora de infraestruturas e áreas de recreo do termo municipal de Ames, está executando o proxecto de remodelación da área de xogos do lugar da Condomiña, pertencente á parroquia de Ortoño.

Deste xeito, estanse realizaranse as obras necesarias para a mellora e creación dun parque infantil rústico de aventura nas proximidades do núcleo urbano de Bertamiráns. Este proxecto ten un custe de 48.392,91 euros.

As obras para a execución deste novo parque infantil avanzan a bo ritmo. En primeiro lugar, houbo que retirar os antigos xogos do vello parque e xa se comezaron a instalar os novos elementos de xogos de aventuras. O novo parque estará dotado cos seguintes xogos rústicos de madeira natural: tirolina sinxela; zancos ou pasos; cordas colgantes; randeeira ou berce/cesto; vigas de equilibrio; e un outeiro con xogos de escada e tobogán.

O pavimento que se está instalando na área de xogos rústica está formado por unha delimitación perimetral, mediante travesa de madeira tratada, e pavimento de area lavada na zona da tirolina. No resto das áreas de xogos instalarase pavimento con codia de piñeiro do pais.

Ademais, instalarase distinto mobiliario urbano como bancos individuais e colectivos de madeira natural. Por último, os traballos remataranse mediante a instalación do cartel de normas de seguridade e emprego, así como a certificación segundo norma UNE-En 1176.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que "este novo parque é o primeiro deste estilo que se vai a facer en Ames, e ampliará o abano de idades que poderán usalo. No futuro, e en función do éxito que teña o mesmo, colocaranse outros similares no concello".

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames terá un parque cheo de xogos rústicos de madeira"

Imaxe do estado actual do novo parque infantil da Condomiña

Multimedia

  • Imaxe do estado actual do novo parque infantil da Condomiña
  • Imaxe do estado actual do novo parque infantil da Condomiña
  • Imaxe do estado actual do novo parque infantil da Condomiña