[10-02-2017] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Información á Muller, está desenvolvendo a cuarta edición do proxecto Ames Integra. Trátase dun programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amesán. Este servizo pretende estruturar un conxunto de liñas de acción, que teñen por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción laboral. Unha das accións formativas que se enmarca dentro deste programa é a impartición dun curso para que dez mulleres obteñan o carné de conducir e deste xeito teñan máis posibilidades de obter un traballo estable.
O Concello de Ames está desenvolvendo a cuarta edición do proxecto Ames Integra, que está dirixido á poboación estranxeira extracomunitaria con permiso de residencia e traballo. Este programa, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Atención á Muller, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto inténtase favorecer a inserción laboral deste colectivo.
Este proxecto, no que están participando 40 persoas, comezou a desenvolverse no pasado mes de outubro e rematará a finais do vindeiro mes de marzo. A través deste proxecto impártense itinerarios personalizados de inserción socio-laboral; un curso de esforzo e integración e varias accións formativas entre as que se atopa un curso de formación transversal no que están participando dez mulleres para obter o carné de conducir. A través desta formación preténdese que estas mulleres melloren as súas opcións para dispor dun traballo estable. Este curso rematará a finais de marzo.
Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Política Social. Os usuarios/as deste programa dispoñen dunha axuda para o desprazamento. Ademais, durante todo o ano desenvólvese un programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes do que se están a beneficiar arredor de 50 usuarios/as. A través deste programa trátase de regularizar a situación administrativa dos/as beneficiarios/as en función das súas expectativas laborais; renovación e modificación das autorizacións de residencia e traballo; homologación de títulos; etc.
Dende o goberno municipal a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explicou que “a finalidade principal deste programa é o acceso a unha formación específica mediante a impartición de cursos transversais que permiten o incremento das posibilidades de renovación das autorizacións de residencia e traballo”. Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, indica que “o proxecto Ames Integra IV está baseado en tres liñas de acción como son a información, a formación e os itinerarios persoais de inserción”.