Pestanas principais

O Concello en colaboración coas asociacións de comerciantes presenta unha novidosa programación para este Nadal

Martes, 05 de decembro de 2017

[05-12-2017] Esta mañá presentouse no salón de plenos da Casa do Concello a programación do comercio para este Nadal, que se iniciará o día 12 de decembro co XII Concurso de Escaparates, co obxectivo de fomentar e potenciar o comercio amesán. Por primeira vez, dita programación está organizada polas asociacións de comerciantes e empresarios do concello e conta coa colaboración e financiamento do Concello de Ames. Haberá un mercado de Nadal, animación para peques, así como animación musical nas rúas e prazas. Ademais, instalarase unha pista de xeo sintético en Bertamiráns e no Milladoiro, e Papá Noel percorrerá as rúas dos núcleos urbanos.


Por primeira vez as tres asociacións comerciais e empresarias que están funcionando actualmente no concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar) organizaron unha programación do comercio conxunta e novidosa, que se desenvolverá ata o 6 de xaneiro. O Concello de Ames colabora e financia dita programación a través da Concellaría de Promoción Económica.

O Concello de Ames vai poñer por primeira vez a disposición das asociacións de comerciantes unha liña de subvención de concorrencia competitiva para sufragar parte destas actividades. Deste xeito, poderán financiar ata un máximo do 80% do custo de dita programación (ata alcanzar un máximo de 30.000 euros). Esta convocatoria de axudas únese á convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondente ao exercicio 2017 dotada de 40.000 euros. Así, durante este exercicio o Concello destinará un total de 70.000 euros ao fomento do comercio local.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “se trata dunha programación amplía e novidosa co obxectivo de fomentar as compras non só entre a veciñanza de Ames, senón para atraer clientela dos concellos limítrofes. Esta campaña está aberta a todo o comercio amesán, así que os establecementos que non pertenzan a algunha das asociacións de comerciantes que organizan esta programación, tamén poden adherirse. Esta é unha liña de traballo aberta coas asociacións que queremos darlle continuidade no futuro para a organización doutras actividades”.

A programación elaborouse de xeito conxunto e exporanse actuacións en ambos núcleos, co fin de dar unha oferta de lecer á cidadanía e tentar evitar que a mesma se vaia a núcleos máis grandes ou mesmo a centros comerciais, promocionando o comercio local amesán.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, indicou que “o camiño que hai que seguir debe ser o de desenvolver proxectos conxuntos coma este. Considero que este é o punto de partida para seguir colaborando en proxectos comúns nos que se potencie o comercio de Ames en xeral sen entrar na división por núcleos urbanos. Doulle os parabéns as tres asociacións organizadoras porque se trata dunha programación moi ambiciosa. Ademais, dende o Concello reforzaremos esta programación co reparto de carteis e folletos polos comercios amesáns invitando á veciñanza a que merque no comercio local”.

Por parte das asociacións interviron o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Pablo Suárez, a xerente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro, Salomé Blanco, e mailo secretario da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, Carlos Saavedra. Todos eles agradeceron a colaboración do Concello de Ames para poder abordar este ambicioso proxecto que é necesario para un concello de máis de 30.000 habitantes e onde hai moito comercio por descubrir. Tamén destacaron que se trata do punto de partida para que todas as asociacións comerciais do municipio colaboren na realización de actividades conxuntas que poden axudar a facer uns mellores núcleos urbanos para todos e todas.

Pista de xeo sintético
A actividade estrela que está incluída na programación é a instalación dunha pista de patinaxe de xeo sintético. Trátase dunha carpa con pista de xeo sintético que estará do sábado 23 ata o venres 29, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, no parque do Ameneiral de Bertamiráns. No Milladoiro instalarase no aparcadoiro do Supercor dende o domingo 31 de decembro ata o sábado 6 de xaneiro, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

A entrada individual para acceder a dita pista de xeo terá un prezo de 5 euros, mentres que tamén haberá un bono de tres pases que custará 12 euros. As persoas que merquen estas entradas terán un desconto de 2 ou 3 euros, dependo do tipo de entrada adquirida, nos comercios adheridos a campaña de Nadal. Para obter ditos descontos tan só é necesario ir coa entrada da pista de xeo ao comercio en cuestión. Estes bonos poderanse adquirir en ZonaPC Bertamirans, Zapatería Tris Tras, Arola e Oficina de SSG, ademais no propio despacho de billetes da pista e xeo. Para obter máis información pódese acceder ao enderezo web https://acbertamirans.wordpress.com/nadal17.

Mercado de Nadal
Outra das novidades que se recolle nesta programación de Nadal é a organización dun Mercado de Nadal onde haberá postos de artesanía e produtos típicos. Este mercado instalarase os días 21, 22 e 23 de decembro na praza de Correos no Milladoiro e os días 28, 29 e 30 na praza do Concello de Bertamiráns. O horario de apertura do mercado será de 16:30 a 20:00 horas. A intención do goberno municipal é asentar este mercado de Nadal e que se repita todos os anos.

Por outra banda, haberá animación para peques (carpas con inchables, xogos e animación musical) o venres 22 e o sábado 23, de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas na praza da capela da Madalena, no Milladoiro, mentres que en Bertamiráns será o martes 2, mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, na praza de Chavián de Bertamiráns.

Asemade, haberá animación musical polas rúas e prazas a cargo do grupo Tíralle do aire. Será do 22 ao 29 de decembro e o día 5 de xaneiro no Milladoiro e do 23 ao 30 de decembro e mailo 4 de xaneiro en Bertamiráns. En ambos núcleos a animación desenvolverase de 17:00 a 20:00 horas. Papá Noel tamén percorrerá as rúas de Bertamiráns e do Milladoiro o venres 22 e o sábado 23 pola tarde e o domingo 24 pola mañá.

XII Concurso de Escaparates
Por décimo segundo ano consecutivo o Concello de Ames organizou o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 15 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 11 de decembro. A veciñanza poderá votar para elixir os Premios especiais do público. As persoas que emitan cando menos un voto entrarán no sorteo de cheques por valor de 300 euros.

O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro de 2017. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificado recibirá, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. Uns importes aos que se lles aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega de premios. Alén diso, o concurso tamén contará co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200 euros. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2018.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Pistas de hielo, cartas reales, mercado y ocio para el Nadal de Ames"
La Voz de Galicia: "Los comerciantes de Ames se unen para la campaña de Nadal y ofertan dos pistas de hielo"