Pestanas principais

O Concello elabora unha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais

Venres, 17 de maio de 2019

O Concello de Ames elaborou unha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, fronte aos danos que poidan sufrir como consecuencia das sacas de madeira, mais tamén da circulación e transporte de vehículos agrícolas de grandes dimensións ou mesmo de vehículos de recreo como quads, motocicletas e outros similares. A ordenanza tamén aborda os prexuízos ou residuos que poidan xerar actividades de carácter deportivo ou cultural. A nova ordenanza contempla diferentes aspectos, entre os cales destaca a obrigatoriedade de comunicar ao Concello con 15 días hábiles de antelación as talas que se vaian realizar. A nova normativa tamén estipula que as vías públicas non poderán ser utilizadas para o almacenamento da madeira.

Esta nova ordenanza contempla diferentes aspectos, entre os cales destaca a obrigatoriedade de comunicar ao Concello as talas que se irán realizar con 15 días hábiles de antelación. Dita comunicación non eximirá da obriga de obter os permisos e licenzas procedentes conforme á normativa sectorial. Alén diso, a realización doutras actividades, distintas das de saca de madeira, non terá porque ser comunicada á Administración local nin estará suxeita á obtención dunha autorización, salvo no caso da organización de eventos. Malia isto, estas actividades rexeranse igualmente polo réxime sancionador establecido na ordenanza.

Cómpre destacar, así mesmo, que o Concello contará coa prerrogativa de denegar ou limitar o acceso ao lugar de depósito da madeira por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, sempre de forma motivada en función de diferentes causas como o estado ou a resistencia do firme, entre outras. A nova normativa tamén estipula que as vías públicas non poderán ser utilizadas para o almacenamento da madeira.

Ademais de presentar o escrito de comunicación previa nas oficinas municipais, tamén se atopan entre as obrigas do madeireiro a sinalización dos viarios situados nas zonas de extracción e lugar de depósito de madeira; a limpeza e eliminación de residuos; a reparación dos danos e desperfectos ocasionados no lugar da tala ou nos camiños de acceso; a reparación dos terreos inmediata ás operacións de saca; e a constitución dunha garantía a prol do Concello, entre outras.

No tocante ás obrigas das persoas organizadoras de eventos culturais ou deportivos, a nova normativa recolle a presentación da comunicación previa; a retirada de todos os elementos móbiles e de sinalización ou decorativos que se utilicen, unha vez finalizado o evento; e a reparación dos danos ou prexuízos que poidan ser ocasionados.

Fianzas a favor do Concello como garantía
Co obxectivo de que as empresas da madeira respondan fronte aos posibles danos non reparados, a ordenanza establece a obrigatoriedade de depositar unha fianza a favor do Concello. Dita fianza será de 1.500€ no caso dos vehículos cun peso máximo autorizado inferior a 16Tm e de 3.000€ no caso daqueles cun peso máximo autorizado igual ou superior aos 16Tm.

As fianzas serán empregadas unha vez que, transcorrido o prazo máximo de 20 días hábiles, as empresas non se fagan responsables da reparación dos prexuízos causados. Cando as cantidades depositadas sexan insuficientes para sufragar os traballos, o Concello recadará a diferencia en concepto de ingreso de dereito público. A garantía será reintegrada ou cancelada, cando o persoal técnico municipal comprobe a inexistencia de danos nas vías e camiños públicos. No caso das persoas ou empresas organizadoras de eventos deportivos ou culturais non se esixirá unha fianza, se ben estas serán as responsable directas dos posibles danos.

Infraccións leves, graves e moi graves
As infraccións administrativas desta ordenanza tipifícanse en leves, graves e moi graves. Constitúen infracción leves a non presentación da documentación requirida; a non comunicación da tala; a non retirada inmediata dos elementos móbiles de sinalización tras a realización dun evento deportivo ou cultural; así como calquera acción ou omisión que infrinxa as disposicións desta ordenanza e non estea tipificada como grave ou moi grave.

Son infraccións graves as actuacións que supoñan o deterioro das vías e camiños municipais; a non reparación dos danos e a non limpeza dos restos forestais dentro do prazo estipulado para facelo, despois do remate ou interrupción dos traballos; o falseamento dos datos entregados; a obstrución da acción instrutora ou investigadora da Policía Local; o depósito de madeira nas vías públicas; e a reincidencia na comisión de dúas infraccións leves da mesma natureza no prazo dun ano.

Por último, constitúen infraccións moi graves as actuacións de deterioro grave das vías e camiños que non permitan a circulación de vehículos; a non reparación ou limpeza dos restos forestais após os 20 días hábiles seguintes á notificación do requirimento municipal; o uso de vías públicas para o almacén ou depósito de madeira de forma que supoña un risco para as persoas usuarias; o depósito de rolla, pólas ou podalla en zonas de circulación que supoñan un perigo para as persoas.

Sancións de entre 50 e 3.000 euros
As infraccións leves serán sancionadas cunha multa que pode ir desde os 50 aos 750 euros. As faltas graves suporán multas de entre 751 euros e 1.500 euros, mentres que as infraccións tipificadas como moi graves implicarán contías de entre 1.501 e 3.000 euros.

O Concello elabora unha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais

Multimedia

  • O Concello elabora unha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais