[17-03-2016] Esta semana o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantivo unha xuntanza de traballo co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Indalecio Cabana. Neste encontro analizouse o posible emprazamento de novos centros educativos en Ames. Para iso deuse traslado do estudo demográfico que está realizando a USC para determinar as necesidades educativas do municipio. Por último, no pleno ordinario deste mes de marzo debaterase o regulamento do Consello Escolar Municipal.
O Concello, a través da concellaría de Educación, informou á Xunta de Galicia de todas as parcelas susceptibles de emprazamento de centros escolares de primaria e secundaria en Ames. Tamén se deu traslado do estudo demográfico, que está a realizar a Universidade de Santiago, para determinar as necesidades reais de ampliación ou construción de novos centros educativos en Ames.
Esta xuntanza de traballo mantida entre o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, complementan as xuntanzas mantidas no mes de febreiro co secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, coa Inspección educativa de zona e coa comunidade educativa de Ames.
Estudo demográfico e de zonificación
Na xuntanza desta semana o concelleiro de Educación insistiu na necesidade de dispor o antes posible dos datos de poboación e dos resultados das enquisas que están a realizar nos centros de ensino público, para determinar a necesidade de construír novos equipamentos educativos e establecer a súa localización definitiva. Mentres tanto, David Santomil trasladoulle ao xefe territorial que "calquera actuación nos centros existentes, que requira do uso de novos espazos para o próximo curso, deberá ter carácter temporal e nunca definitivo".
Consello Escolar Municipal
Por outra banda, no pleno ordinario do mes de marzo, que se celebrará o vindeiro 31 de marzo, debaterase o regulamento do Consello Escolar Municipal, despois dun amplo proceso de participación no que colaboraron as ANPAS, o profesorado e todos os grupos políticos da corporación. O concelleiro de Educación sinala que "este será o principal punto de encontro da comunidade educativa para a toma de decisións no ámbito municipal".
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Estudian la creación de nuevos centros escolares en Ames"
La Voz de Galicia: El gobierno local reclama que la ampliación de los centros escolares sea "temporal" "




