[11-09-2012] Con motivo do inicio do curso escolar 2012-2013, este mércores 12 de setembro, o Concello de Ames e a Policía Local colaboraron para poñer en marcha un dispositivo especial de tráfico para facilitar o traslado e acceso dos nenos e nenas aos centros escolares do municipio. Deste xeito, os axentes situáranse nas inmediacións dos centros educativos nas horas de entrada e de saída co obxectivo de facer máis doado o inicio do curso escolar e o traslado por parte dos pais e nais dos alumnos e alumnas.
Nos últimos días, a brigada municipal de obras estivo preparando os centros de ensino amienses para que estea todo a punto de cara á xornada de mañá. Os operarios da brigada estiveron reparando billas, cadeiras, picaportes de portas, colgadoiros, etc. Ademais, pintaron as paredes e o teito de dúas aulas do CEIP de Barouta e acondicionaron os espazos verdes dos centros de ensino amienses. Estes son algúns dos traballos que a brigada municipal de obras estivo realizando nos colexios de Ames. Xardineiros, albaneis, carpinteiros, fontaneiros e electricistas traballaron arreo para que todo estea listo nos edificios educativos do concello para o inicio do novo curso escolar.
O mantemento dos catro colexios de Ames; A Maía, Agro do Muíño, Barouta e Ventín e das catro escolas unitarias; A Tarroeira, Guimaráns, Covas e Agrón depende, en boa medida, do Concello. De aí que a brigada municipal de obras levase a cabo todos os traballos necesarios para que os colexios e as escolas presenten as mellores condicións para o inicio do curso escolar 2012-2013.
Os operarios da brigada de obras tiveron que facer traballos xerais como arranxar cadeiras, billas, picaportes de portas, colgadoiros, etc. Pero ademais tiveron que realizar traballos máis específicos como foi pintar as paredes e o teito de dúas aulas do CEIP de Barouta, arranxar un problema eléctrico na escola infantil O Bosque que impedía que houbese luz en tres aulas, ou no CEP de Ventín onde se reestruturaron dúas aulas e houbo que trasladar mesas, cadeiras, encerados e outro material.
Ademais, acondicionouse o céspede e espazos verdes do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e do CEIP de Barouta. Os xardineiros encargáronse de podar árbores, recortar plantas e sacar malas as herbas. Trátase de traballos que na maioría dos casos son de mantemento das instalacións dos colexios, pero que son necesarios para o correcto funcionamento destes centros de ensino que comezan a súa actividade o vindeiro mércores 12 de setembro.
Por outra banda, durante esta semana realizouse unha limpeza a fondo de todos os centros educativos, escolas unitarias e escolas infantís para que estean en perfectas condicións de cara ao inicio do curso. Estes traballos foron executados pola brigada de obras, que depende da Concellaría de Vías, Obras, Parques, Xardíns e Patrimonio, pero sempre en colaboración coa Concellaría de Educación.




