Pestanas principais

O Concello e os clubs deportivos advirten que co rexeitamento da modificación da ordenanza de prezos públicos deportivos dificúltase considerablemente a xestión das escolas deportivas

Domingo, 31 de xullo de 2016

[31-07-2016] O goberno municipal mantivo durante a mañá do venres unha reunión de urxencia cos clubs de patinaxe Sarela, o club de patinaxe Omega, o Bertamirans FC, o Milladoiro CF, o FC Meigas, o Basket Ames, o Millarengo e o Club de Voleibol Bruxas. Nesta xuntanza todos os clubs amosaron o seu descontento e sorpresa ante a decisión dos grupos da oposición de votar en contra da modificación da ordenanza de prezos públicas das escolas deportivas. Os clubs manifestaron que non entenden nin comparten a postura tomada por estes grupos políticos municipais, que estiveron presentes en cada unha das reunións do Consello sen amosar desconformidade do alí tratado e sen facer ningún tipo de achega ao respecto.

Segundo explica o alcalde e concelleiro de Deportes "o deseño das escolas deportivas municipais foi tratado na constitución do Consello de deportes e nesa mesma reunión falouse xa dun prezo de 60 euros ao ano para as escolas. En todas as reunións do Consello (en maio, xuño e xullo) falouse do tema económico e os grupos da oposición lonxe de amosar un rexeitamento ao prezo fixado, mesmo na última reunión do 16 de xullo amosaron a súa aprobación á ordenanza que no día de onte foi rexeitada por estes mesmos grupos. A incongruencia dalgún grupo levouno a mesmo variar o criterio amosado na comisión informativa pasando de entender a proposta por ser consensuada dentro do Consello de deportes a acabar votando en contra no pleno".

"Algún dos clubs presentes na reunión confirmaron que en conversas cun grupo da oposición tiñan confirmación o seu voto favorable, polo que amosaron a súa sorpresa ante a decisión tomada. O goberno coincide co sentir dos clubs en que as formas non foron as correctas, xa que entenden que si os grupos da oposición tiñan esta decisión tomada e sabían de antemán que non apoiarían este cambio deberían terse pronunciado nas primeiras reunións e evitar a perda de tempo que se destinou para este novo proxecto", destaca Miñones.

O Consello municipal de deportes de Ames é un órgano de consulta e participación creado o pasado mes de maio polo actual goberno municipal que dende os clubs e asociacións foi moi ben acollido e aplaudido. Os clubs deportivos de Ames, así como o tecido deportivo amesán (asociacións) están representados en dito órgano, conxuntamente coa representación das ANPAS e centros educativos de Ames, e os partidos políticos de goberno e oposición. "Visto o acontecido no último pleno algún club presente na reunión de hoxe plantexou a posibilidade de disolver dito Consello ao non entender para qué serve o alí falado e acordado", explicou o rexedor municipal.

Dende a concellaría de Deportes advírtese que co rexeitamento desta ordenanza dificúltase considerablemente a xestión das escolas que estaban sendo impartidas polos clubs, xa que algún deles teñen amosado a súa contrariedade a seguir coa situación actual. A continuidade co que se viña facendo é criticada dende o goberno, xa que o sistema actual é discriminatorio co desenvolvemento das escolas e que foi aprobado hai catro anos polo goberno en maioría do Partido Popular. "O feito de non ir a unha proposta e oferta conxunta de clubs onde uns clubs si xestionan as actividades cobrando directamente do Concello, mentres que outros non poderán facelo, sen criterio obxectivo algún, non é xusto nin equitativo e para o goberno non pode seguir sendo unha alternativa", apunta o concelleiro de Deportes.

Subvencións de concorrencia competitiva
Ademais, o goberno informa que as subvencións de concorrencia competitiva tamén se verán afectadas por esta decisión, xa que cos cartos que o Concello viña financiando a certos clubs e que ascendía a 40.000 euros anuais, ían ser destinados en gran medida a estas subvencións, cousa que agora non se poderá facer ao manter a situación actual.

Para o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, "esta é a verdadeira incongruencia dos grupos da oposición que solicitan o incremento das subvencións para logo imposibilitar a fórmula consensuada coas entidades deportivas". As consecuencias do acontecido no pleno deste xoves imposibilitarán o programa deportivo do goberno e que foi dialogado coas entidades deportivas ao longo destes meses, sen que a oposición manifestara nada en contra. Este programa levaba os seguintes puntos:

  • Incremento do 50% das subvencións competitivas para 2017.
  • Prestación de calidade das escolas da man das entidades deportivas sen ánimo de lucro.
  • Ampliación das escolas de adultos aos maiores de 16 anos.
  • Oferta de novas actividades para os adolescentes (zumba, adestramento funcional, pádel e jumping).
  • Retirada de subvencións nominativas para a equidade de actividades.
  • Ampliación dun mes das escolas ata o mes de xuño.

Todas estas iniciativas quedan agora bloqueadas sen deixar marxe de manobra ao goberno para atopar unha solución, e baixo o argumento dunha suba indiscriminada que deixaba as escolas de Ames en 60 euros ao ano, para os menores de 18, dividido en dous pagos de 30 euros ao cuadrimestre, moi por debaixo das cotas que se veñen pagando nos Concellos da área limítrofe cuxa media é de 80 euros ao ano.

Licitación das Escolas deportivas
Nestes días e na sesión plenaria do xoves criticouse o feito da prórroga das escolas con Eulen. O alcalde explicou que esta prórroga non está realizada nin aprobada, tal e como afirmaron dende a aposición no pleno deste pasado xoves. O Concello anunciou no Consello do pasado 16 de xullo a súa intención de prorrogar este servizo pola dificultade dos prazos da licitación estando xa a mediados do mes de xullo. A xustificación desta tardanza non foi outra que as conversas que se tiveron cos clubs para a xestión das escolas e coñecer qué actividades serían impartidas pola empresa e cales polos clubs. No momento que o Concello ten a aprobación definitiva das actividades é xa no mes de xullo o que levaría a un procedemento de urxencia que remataría no mellor dos casos unha vez iniciadas as escolas a mediados de outubro. "Probablemente si os grupos que votaron en contra tiveran manifestado esta postura hai dous meses nas sesións do Consello, poderíamos ter solucionado esta licitación".

Da reunión mantida cos clubs de Ames na mañá do venres acordouse tratar de estudar a alternativa da xestión directa con contrato por parte das diferentes entidades, nas que non se faga discriminación algunha a ningún club que así o manifestara. Este plantexamento obrigará ao Concello a establecer novos contratos de prestación, que lonxe de minorar as contías dos contratos, incrementaranas. Ademais, para que esta solución sexa válida as escolas de baloncesto e patinaxe do Milladoiro, que actualmente son prestadas pola empresa Eulen, deberán ser retiradas da oferta, tendo que facer unha nova licitación do servizo coa minoración económica de horas correspondentes que compense economicamente a suba en contratos con estes clubs, e sen poder incrementar as actividades que se tiñan programadas para maiores de 16 anos. De ser viable xurídica e economicamente esta solución, tratarase de levar adiante para o vindeiro curso 2016/17, tempo no que os clubs estudarán a posibilidade de constituír unha asociación deportiva. Todos os clubs amosaron a súa conformidade a esta solución quedando á espera da súa viabilidade de cara a poder coñecer os horarios definitivos.

O alcalde de Ames afirma que "a licitación das escolas era unha prioridade e que se tiña un borrador xa no mes de abril para levalo adiante, quedando á espera do proceso de negociación que finalmente foi botado por terra no pleno deste xoves. Aínda así imos a poñer en marcha o procedemento de licitación, de xeito urxente, para poder redirixir o servizo, tal e como acordamos hoxe cos clubs, e seguiremos traballando da man do colectivo deportivo a pesar do bloqueo ao que nos queren someter".

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Advierten de que la gestión de las escuelas deportivas está bloqueada"
La Voz de Galicia: "Miñones afirma que el veto a las tasas deportivas dificulta la gestión de varias escuelas"