Pestanas principais

O Concello e a Deputación da Coruña estudan a creación de novos espazos e actividades culturais en Ames

Sábado, 23 de abril de 2016

[23-04-2016] Esta semana o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, reuniuse coa vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e co deputado de Patrimonio cultural, Xosé Regueira, para tratar diversos asuntos relacionados coa posible ampliación ou construción de novas infraestruturas culturais e sobre o financiamento económico que lle achega o ente provincial ao Concello de Ames na área de cultura. Ademais, preténdese crear o parque rupestre Compostela - Val da Maía, que poña en valor o patrimonio arqueolóxico dos concellos de Ames, Santiago e Teo.

No apartado económico A Deputación da Coruña achegaralle ao Concello de Ames uns 24.000 euros a través das axudas dos plans provinciais, para a construción da nova sala de estudo que se vai a construír na biblioteca municipal de Bertamiráns. Unha parte desta achega tamén se destinará a sufragar parte da programación cultural de 2016.  

A Deputación da Coruña tamén lle concedeu ao Concello de Ames uns 97.000 euros, dentro do Plan de Acción Social (PAC), para facer diferentes obras de mellora na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, achegaralle unha axuda solicitada para os animadores socioculturais, o que fai que en total as axudas a través dos plans provinciais supere os 150.000 euros durante o exercicio 2016.  

Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura trasladoulle a Goretti Sanmartín a necesidade de ampliar ou construír novas infraestruturas culturais no concello e de mellorar as existentes nas parroquias, tendo en conta o incremento que houbo nas actividades incluídas na programación cultural, que se desenvolve tanto no Milladoiro e Bertamiráns, como nas parroquias amesás.  

A vicepresidenta da Deputación expresoulle a David Santomil que Ames estase convertendo nun referente no ámbito cultural como o demostra a posta en marcha de novas aplicacións dixitais, como é o caso da Billeteira, que permite mercar entradas para os espectáculos e actividades culturais a través da rede.

Goretti Sanmartín tamén gabou a programación teatral, as actividades culturais dirixidas ao público infantil, así como os obradoiros culturais e a programación das bibliotecas municipais, que se desenvolve dende a concellaría de Educación e Cultura. Deste xeito, dende a Deputación inciden en que van a intentar reforzar as axudas para que Ames sega nesta liña.

Asemade, Santomil explicou que dende o goberno municipal se ten a intención de consolidar o festival folk de artistas emerxentes Val da Maía, que se puxo en marcha este ano, e recuperar o festival Millarock, que non se desenvolve dende o ano 2010, e que se celebrará este verán.          

Ámbito patrimonial
No que se refire ao patrimonio o concelleiro de Educación e Cultura expresou o seu compromiso de manter unha reunión cos Concellos de Santiago de Compostela e de Teo co obxectivo de crear o parque rupestre Compostela - Val da Maía, que poña en valor o patrimonio arqueolóxico dos tres concellos, sobre todo os petróglifos que se concentran na zona de Villestro, Ames e Teo.  

Santomil destacou a boa sintonía e colaboración que están mantendo a Deputación da Coruña e o Concello de Ames. “Esta xuntanza prodúcese despois que a vicepresidenta provincial, Goretti Sanmartín, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitaran a Casa do Concello nos meses de outubro e xaneiro, respectivamente. Ademais, cómpre destacar a colaboración que temos por parte da Deputación en materia cultural, que se traduce nas achegas que nos proporcionan a través dos plans provinciais, que agora se reparten baseándose en criterios obxectivos e non como axudas nominativas”, explicou o concelleiro de Educación e Cultura.