[19-08-2017] O goberno municipal está executando obras de reparación e mantemento en varios centros escolares públicos de Ames. Durante este verán estáselle dando prioridade á mellora das instalacións das escolas unitarias da Igrexa de Ortoño e de Covas, así como a mellora da seguridade e mobilidade sostible nos colexios amesáns. A través destes traballos trátase de mellorar as instalacións dos colexios e escolas do concello antes do inicio do curso escolar.
As obras de mantemento e mellora estanse centrando nas dúas escolas unitarias de Covas e Ortoño. A través destas obras estanse acondicionamento as instalacións exteriores destas dúas escolas. No caso da escola de Covas vaise completar o peche perimetral do recinto, que se iniciou o ano pasado, e realizáronse varios traballos de pintura. Na escola de Ortoño vaise a colocar unha mampara exterior para impedir a entrada de auga na fachada. Nestas actuación vanse a investir máis de 3.500 euros.
Nos cinco centros escolares de ensino infantil e primaria destacan as actuacións de reparación e mantemento interiores e exteriores, acondicionamento de areeiros, traballos de xardinería, así como de mellora das cociñas e comedores municipais, que terán un custo total de 35.000 euros. Para a mellora das instalacións das catro escolas infantís municipais e da rede de escolas infantís municipais destínanse un total de 7.500 euros.
Todas as actuacións responden ao Plan de Mantemento 2017 elaborado a partir das propostas achegadas polos centros escolares ao finalizar o anterior curso escolar, considerando aquelas que son de competencia municipal nos once centros públicos.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que "este verán materializamos de novo o compromiso do goberno municipal co mantemento dos centros públicos, especialmente coas escolas unitarias. A mellora da seguridade e a mobilidade sostible nos centros públicos con maior volume de alumnado, como o CEIP A Maía, ou as melloras nos comedores escolares e nos centros de ensino infantil e primaria son parte do traballo que estamos realizando".
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Seguridade e melloras nas escolas de Ortoño e Covas"
La Voz de Galicia: "Ames destina 46.000 euros a la reparación y mantenimiento de colegios"




