Pestanas principais

O Concello debaterá no pleno do día 26 a inscrición da técnica das alfombras florais na lista do patrimonio inmaterial da UNESCO

Mércores, 25 de novembro de 2020

A inscrición dos coñecementos e técnicas relacionadas coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais, na lista do Patrimonio Inmaterial da UNESCO será debatida no pleno ordinario do xoves, 26 de novembro, logo de que os grupos que conforman o Goberno Municipal,  presentasen este asunto como moción pola vía de urxencia. Cómpre salientar o labor da Asociación de Alfombristas de Ames que leva anos engalanando cos seus traballos conmemoracións relixiosas e civís, ademais de levar o nome do Concello a moitos encontros e xuntanzas nacionais e internacionais.

Na exposición de motivos, os grupos que gobernan en Ames (PsdeG-PSOE, BNG e CP) fan referencia á importancia cultural, tradicional, relixiosa, artística e patrimonial das alfombras de arte efémera e valoran o feito de que “os poderes públicos están obrigados a protexer o Patrimonio Cultural Inmaterial e tamén a as accións que consideren necesarias para a súa conservación e difusión”.

Exponse ademais que o obxectivo das institucións e as comunidades locais, defensoras e transmisoras do patrimonio cultural do seu territorio, é reforzar as iniciativas e o compromiso a fin de garantir o seu recoñecemento, respecto e valorización.  

Tras esta exposición de motivos, a moción acorda dar o consentimento para que os Coñecementos e técnicas relacionados coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais, sexan inscritas na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da UNESCO.

Acórdase tamén facultar ao alcalde para asinar a documentación que sexa necesaria para esta finalidade e comunicar este acordo á Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera.

Ames no mundo a través das alfombras de flores
Cómpre salientar a afección que hai en Ames a elaborar alfombras florais. Moitas parroquias adoitan facelas na honra dos seus patróns ou para conmemorar certas datas. Na meirande parte das ocasións está detrás a Asociación Cultural “Alfombristas San Xoanciño de Ames” que preside María Xosé Bello, a verdadeira promotora da actividade no concello. Hai máis de tres lustros que María Xosé comezou a engalanar cunha alfombra de flores a capela de San Xoanciño de Pousada. O exemplo medrou e na actualidade son moitas as parroquias que elaboran alfombras nas súas festas patronais. Ademais, as alfombristas de Ames adoitan enriquecer moitos actos do concello con estas obras de arte efémera.

Por outra banda, Bello, que na actualidade é tesoureira da “Federación de Asociacións de alfombristas galegos de Arte Efémera” ten viaxado xunto con compañeiras e compañeiros de Ames a distintos lugares de España e do mundo para participar en xuntanzas, encontros e outros eventos nacionais e internacionais relacionados con esta arte.  

Cómpre salientar neste senso, a presenza das alfombristas de Ames no proxecto “Momento de Solidariedade”, promovido pola Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efémero. O IV Encontro Internacional de Alfombristas de Bueu. o proxecto virtual Internacional Ephemeral Art Tokio 2020 e o XIV Encontro de Alfombristas de Cataluña, onde as alfombristas de Ames realizaron un deseño sobre a Ponte Maceira. Ademais a presidenta, María José Bello, participou na confección dunha alfombra floral de 1.800 metros cadrados na Gran Place de Bruxelas.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "A arte efémera floral quere ser recoñecida como Patrimonio Inmaterial"

Alfombra co logo de Ames nun encontro de alfombristas

Multimedia

  • Alfombra nunhas pre-badaladas
  • Elaboración de alfombra polas alfombristas de Ames