Pestanas principais

O Concello de Ames xestiona directamente os obradoiros culturais durante o curso 2015-2016

Luns, 05 de outubro de 2015

[05-10-2015] O Goberno municipal vén de manter unha xuntanza cos monitores e monitoras que van a impartir a programación dos obradoiros culturais durante o curso 2015-2016. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, mantiveron un encontro coas empresas, autónomos e asociacións aos que se lle encomendou este traballo. Este servizo vai ser xestionado directamente polo Concello de Ames durante este curso.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “este ano asumimos directamente a xestión dos obradoiros culturais contratando a profesionais de recoñecido prestixio, que era o que reclamaban os usuarios deste servizo municipal. Deste xeito, optamos por un cambio no modelo de xestión do servizo. Ademais, para este curso incrementamos a oferta de actividades, co obxectivo de ampliar o rango de idade para chegar a un maior número de usuarios e diferentes perfís de público, de xeito que poidan participar todas as persoas que así o desexen”.

Antes do inicio destas actividades, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, mantiveron un encontro coas empresas, autónomos e asociacións, que van impartir estes obradoiros, para asinar os contratos menores a través dos cales se comprometen a desenvolver este traballo durante o curso 2015-2016. Ademais, esta reunión serviu para coñecer as impresións dos monitores ante o inicio do curso. De cara ao vindeiro curso 2016-2017, haberá que facer unha reorganización do servizo.

Os obradoiros culturais comezan este luns, 5 de outubro, con 160 usuarios/as inscritos, pero hai que destacar que nalgunhas das actividades ofertadas aínda existen prazas dispoñibles para inscribirse. David Santomil, destaca que “este ano ampliouse o número de actividades ofertadas para os nenos e nenas en idade escolar. Así, multiplicouse por tres o numero de usuarios inscritos na actividade de xadrez. Este obradoiro será impartido polo club local Millarengo. Tamén se incrementou a participación no obradoiro de teatro infantil e xogo dramático, superando todas as expectativas, xa que houbo que abrir dúas listas de agarda para os diferentes grupos de idade que se ofertan dentro desta actividade”.

Obradoiros culturais ofertados
Este ano ofértanse un total de sete obradoiros culturais. O obradoiro de restauración, técnicas artesanais e arte miúda conta actualmente con 8 usuarios/as e impártese os xoves, de 17:00 a 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para este obradoiro aínda quedan prazas dispoñibles. No obradoiro de bailes de salón e latino hai inscritos 45 usuarios/as (15 no grupo de Bertamiráns e 30 no grupo que se imparte no Milladoiro). Para este obradoiro están todas as prazas completas.

Por outra banda, no obradoiro de baile tradicional, gaita e percusión hai inscritas 28 persoas nos grupos de Bertamiráns, Bugallido, Biduído e Trasmonte. Para esta actividade aínda hai prazas dispoñibles. O obradoiro de xadrez impártese en Bertamiráns e no Milladoiro. Este é un dos obradoiros que máis participantes ten con 37 usuarios/as. No grupo municipal de teatro están inscritas 12 persoas e no obradoiro de teatro infantil e xogo dramático hai apuntadas 30 persoas, que están divididas en dous grupos de 15 persoas. Para esta actividade esgotáronse todas as prazas e houbo que abrir dúas listas de agarda.

Por último, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradeceu o traballo realizado polos traballadores/as do departamento de Cultura “para buscarlle encaixe a todas estas actividades dentro do novo modelo de xestión directa polo que apostou o Concello”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames asume la gestión de los talleres culturales durante un año con mayor oferta"
El Correo Gallego: "Ensayan la municipalización con los 7 talleres culturales"