[13-06-2012] O Concello de Ames está desenvolvendo ao longo deste mes diversas actividade para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño, co obxectivo de poñer en valor o noso medio. Este programa de actividades péchase coa celebración da Festa da Natureza, que se desenvolverá o domingo 1 de xullo na Praia fluvial de Tapia. Esta previsto que se realice unha andaina ambiental polas beiras do río Tambre, unha inspección da fauna e flora do río Tambre a través do Proxecto Ríos que desenvolve ADEGA, unha solta de crías de troitas autóctonas e obradoiros ambientais. Ademais, o venres 29 de xuño desenvolverase a Noite de estrelas na Aula da Natureza na que se farán observacións astronómicas co Club Vega de Astronomía.
O pasado 5 de xuño celebrouse o Día Internacional do Medio Ambiente. Con motivo desta celebración o Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, preparou un amplo programa de actividades para conmemorar esta efeméride durante todo o mes de xuño. O propio día 5 de xuño o alumnado de 2 a 3 anos da escola infantil do Bosque de Bertamiráns participou nunha actividade de recuperación ambiental. Alí plantaron varios castiñeiros que tiñan no xardín da gardería. A comezos de curso sementaron varias castañas que xermolaron e comezaron a medrar nestes últimos meses converténdose en pequenas árbores.
Posteriormente, o 8 de xuño os alumnos/as do máster de Biodiversidade e conservación do medio natural da Universidade de Santiago de Compostela participaron nunha sesión de prácticas na Aula da Natureza de Ames. Estas prácticas enmarcáronse dentro das clases interactivas da materia de Biodiversidade e conservación de macrobentos das augas continentais (sistemas acuáticos). O alumnado recolleu mostras en varios regatos nos concellos da Serra de Outes e Ames (en Augapesada e Riamontes), para posteriormente analizar a composición dos macrobentos nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade estivo coordinada entre o profesor da USC, Marcos A. González, e a coordinadora da Aula da Natureza.
Noite de estrelas
Ademais, o próximo 19 de xuño un grupo de 50 alumnos/as de primeiro e segundo de Educación Primaria do CEIP de Barouta participarán nunha andaina polas beiras do río Tambre e nun obradoiro ambiental que se desenvolverá na Aula da Natureza. Para pechar a programación de actividades ambientais coa que se conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente o Concello de Ames elaborou un programa específico para a última fin se semana deste mes. Estas actividades comezarán o venres 29 de xuño coa Noite de estrelas que se desenvolverá na Aula da Natureza.
A partir das 21:00 horas os membros do Club Vega de Astronomía impartiran unha charla para que todos os participantes coñezan as observacións e os astros que se poderán ver durante esa noite. Ademais, coñecerán como se emprega un planisferio. No momento que xa sexa noite comezarán as observacións astronómicas. Estas observacións realizaranse na Aula da Natureza. Recoméndase que todas as persoas que participen nesta actividade leven unha pequena lanterna e roupa de abrigo. A Noite de estrelas está aberta a todos os públicos.
Festa da Natureza
Para o domingo 1 de xullo queda a celebración fa Festa da Natureza que se desenvolverá na Praia fluvial de Tapia. As actividades comezarán ás 11:00 horas cunha andaina circular ambiental polas beiras do río Tambre e polo lugar de Oca. Todas as persoas que desexen asistir a esta andaina deben estar ás 11:00 h no aparcadoiro da Praia fluvial de Tapia. Esta andaina, que ten unha dificultade baixa, está dirixida a todos os públicos, tanto para nenos/as coma para adultos. Calcúlase que o percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apto para camiñar.
Ás 13:00 horas comezará unha inspección da fauna e flora do río Tambre a través do Proxecto Ríos que desenvolve a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). A través desta actividade realizarase unha análise de varios parámetros da flora e fauna do río, que determinan o estado de conservación da canle e das marxes do río. Unha das análises que se realizará será para comprobar a vexetación das ribeiras, as árbores que hai na contorna de Tapia e as especies invertebradas que viven na auga deste río. Segundo a presenzas/ausencia de determinadas especies determinarase a calidade do medio nesta zona.
Tras o desenvolvemento destas dúas actividades farase un descanso para xantar. Entre as 14:30 h e as 16:00 h todos os participantes terán tempo para xantar na área recreativa de Tapia. Cada persoa deberá levar a súa propia comida.
Pola tarde, ás 16:00 horas realizarase un acto para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente, que se celebrou o pasado 5 de xuño. Para iso realizarase unha solta de crías de troita autóctona cedidas pola Sociedade de Caza e Pesca Azor de Ames. Media hora despois, ás 16:30 h, está previsto que se desenvolva un obradoiro ambiental no que os participantes coñecerán alternativas a produtos tóxicos do fogar. Por exemplo, elaboraranse insecticidas biolóxicos. Este obradoiro desenvolverase ata as 18:30 horas aproximadamente. Ademais, durante todo o día haberá postos de artesanía, comercio local e comercio xusto.
Para ampliar calquera outra información sobre estas actividades poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org ou chamando ao número de teléfono 660 004 665.




