Pestanas principais

O Concello de Ames xa ten pechada a programación da segunda edición da festa de Entroido na que volverá haber concursos de disfraces e de receitas típicas de carnaval

Venres, 25 de xaneiro de 2013

[25-01-2013] Estase aproximando o mes de febreiro e con el chega, como cada ano, a festa de Entroido. Trátase dunha das festas que ten máis tradición en Galicia. O Concello de Ames volve a organizar unha festa aberta a toda a veciñanza amiense e na que se convida a todos os amienses e persoas da comarca a participar no concurso de disfraces e no concurso-degustación de carnaval. Esta iniciativa desenvolverase o luns 11 de febreiro, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro que está situado ao carón da piscina municipal A Telleira. Repartíranse un total de 3.850 euros en premios (3.100 euros no concurso de disfraces e 750 euros no concurso-degustación de receitas de Entroido). Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos concursos de Entroido, así como os impresos de inscrición e a autorización para o cobro no caso de recibir algún premio.

Tras o éxito que tivo o ano pasado a festa de Entroido que se organizou no Milladoiro, este ano o Concello de Ames volve a repetir esta mesma festa pero na localidade de Bertamiráns. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explica que “a intención do goberno é facer un única festa de Entroido para todo o concello co obxectivo de optimizar os recursos existentes e alternar estes eventos entre  os núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro. Tendo en conta isto, a festa de Entroido irase rotando, un ano farase no Milladoiro e outro ano en Bertamiráns. A próxima edición volverase a desenvolver no Milladoiro”.

Para darlle colorido a este evento ademais de disfraces e produtos típicos de Entroido haberá música. A música correrá a cargo da orquestra Principal e da Charanga Vaite Xa. No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta.

As inscricións realizaranse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9:00 h a 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 11 de febreiro, ás 11:00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar o título do disfrace, nome e apelidos do representante, teléfono de contacto, categoría na que se inscriben e número de compoñentes.

Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por 1 ou 2 persoas ata os 12 anos; unha modalidade de adulto na que poderán participar 1 ou 2 persoas maiores de 12 anos, unha modalidade de grupo que se constituirá por grupos de 3 a 9 persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por 10 ou máis persoas tamén de calquera idade.

Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira (Avda. da Peregrina), debidamente ataviados/as, entre as 16:30 h e as 17:30 horas. Cada participante disporá, como máximo, duns 5 minutos para realizar a exhibición conforme á cal o xurado realizará a súa cualificación. O desfile comezará arredor das 18:30 h e seguirá o percorrido e o ritmo que marque a charanga Vaite Xa.

Os premios estarán dotados cos seguintes importes en metálico. Na categoría infantil o primeiro premio ten un importe de 100 euros, o segundo premio é de 75 euros e o terceiro de 50 euros. Na categoría de adultos os premios serán de 200€, 150€ e 75€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto. Na categoría de grupos o primeiro premio ascende a 500 euros, o segundo premio é de 300 euros e o terceiro de 150 euros. Por último, na categoría de comparsas os premios serán de 900€, 400€ e 200€ dependendo de si acadas o primeiro, segundo ou terceiro posto. O xurado que falle os premios estará composto por tres membros designados pola Alcaldía do Concello de Ames. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización, orixinalidade e posta en escena.

Concurso-degustación de receitas típicas de Entroido
Neste concurso poderá participar calquera persoa maior de 18 anos, ben sexa profesional ou afeccionada. A participación pode ser a título individual ou representando unha entidade, empresa, asociación, local hostaleiro, etc.

As receitas deberán ser típicas do Entroido e terán que presentaranse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, das 9:00 h ás 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Terán que estar mecanografadas e escritas en lingua galega. A data límite de presentación será o xoves, 7 de febreiro. Admitiranse, como máximo, dúas receitas por participante. Os/as concursantes, xunto coa receita, terán que achegar os datos persoais: nome, apelidos, teléfono, enderezo, entidade a que pertencen.

Os/as participantes deberán presentar os pratos elaborados na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Telleira (Avda. da Peregrina) entre as 17:00 h e as 17:30 horas. Cada prato permitirá, polo menos, o equivalente a 60 degustacións (non racións). Unha vez que o xurado avalíe os pratos, ofreceránselle ao público asistente para a súa degustación. Os/as participantes deberán achegar os utensilios necesarios para degustar cada prato.

Establécense tres premios: prato mellor elaborado; prato mellor presentado e prato máis creativo. Cada unha das categorías estará dotado cun premio en metálico de 250 euros. Ao igual que no concurso de disfraces o xurado estará composto por tres membros designados polo Concello de Ames. O xurado valorará os pratos conforme aos criterios de: elaboración, presentación e creatividade. A entrega de premios realizarase o mesmo día do concurso.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames concentra los actos de carnaval el 11 de febrero, en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Certame de disfraces e receitas para o Entroido da capital amiense o día 11"
El Correo Gallego: "Ames xa ten pechada a programación da segunda edición da festa de Entroido"