Pestanas principais

O Concello de Ames xa ten elaborado o programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2012-2013

Mércores, 16 de maio de 2012

[16-05-2012] Todos e todas as amantes do deporte e os obradoiros culturais xa poden consultar o novo programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2012-2013. Todos os/as interesados/as xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo para renovar a praza, para as persoas xa inscritas no curso 2011-2012, ábrese o 28 de maio e prolongarase ata o día 1 de xuño. Este ano decidiuse adiantar o prazo de renovación de prazas ao mes de maio porque deste xeito xa se lle informa do novo programa de actividades a todos/as os usuarios/as deste servizo antes de que rematen as clases do presente curso. O segundo prazo de matrícula, para prazas libres e grupos de nova creación, irá dende o 17 ata o 21 de setembro. Para obter máis información podes consultar o programa en PDF que se atopa na ligazón que está na marxe dereita baixo o epígrafe de “descargas”.

Tenis, aeróbic, pilates, ximnasia de mantemento, bailes de salón, xadrez, baile e música tradicional, manualidades, teatro, baloncesto, fútbol sala, natación ou patinaxe son algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo do curso 2012 – 2013 dentro do programa das escolas deportivas e obradoiros culturais.

O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados positivos. Para facerse unha idea, durante este curso máis de 1.800 persoas participan nas actividades das escolas deportivas e obradoiros culturais que se imparten tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

As actividades deportivas ofertadas polo Concello de Ames caracterízanse pola súa diversidade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, neste curso 2012- 2013, os e as amienses poderán gozar de cinco obradoiros como son o de baile de salón; manualidades; teatro; xadrez; e baile e música tradicional. A esta oferta hai que engadirlle as actividades propias das escolas deportivas como son tenis; pilates; aeróbic; ximnasia de mantemento; spinning, abdominais e glúteos; baloncesto; fútbol sala; natación; patinaxe; predeporte; tenis de mesa e voleibol. Entre os obradoiros culturais e as escolas deportivas ofértanse arredor de 2.000 prazas.

Primeiro prazo de inscrición

Todas as persoas que estean interesadas en participar nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do vindeiro curso xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dous prazos para poden formalizar a matrícula nas actividades que se enmarcan dentro deste programa cultural e deportivo. Todas aquelas persoas que xa estiveron inscritas no curso 2011-2012 poden renovar a súa praza do 28 de maio ata o 1 de xuño.

Para formalizar a matrícula deberase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais os días 28 e 29 de maio tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas, para maior comodidade da veciñanza amiense.

Ademais poderase confirmar a súa praza vía telemática premendo nun banner que estará situado na páxina principal da web municipal. A vía telemática estará dispoñible dende as 9:00 h. do 28 de maio ata ás 14:00 horas do 1 de xuño. Todas as inscricións que se fagan fóra de prazo non serán tidas en conta. Os usuarios/as que opten por esta vía tamén teñen que entregar o xustificante de pagamento persoalmente ou por correo electrónico (administracion.cultura@concellodeames.org ou deportes@concellodeames.org) dentro deste mesmo prazo (do 28 de maio ao 1 de xuño).

Cómpre recordar que non se considerarán inscritos no curso anterior aqueles alumnos e alumnas que tramitaran a baixa da actividade. Ademais, o Concello non garante que o grupo e o horario da actividade escollida para este curso coincida co do ano anterior. De todos xeitos, reservaranse as prazas nas actividades do curso anterior incorporándose, se é posible, no mesmo grupo ao que pertencían ou nun novo grupo que lle corresponda por ano de nacemento.

Segundo prazo de inscrición

Para as prazas libres e grupos de nova creación, o segundo prazo de inscrición irá desde o 17 ata o 21 de setembro. Neste caso a matrícula tamén haberá que facela na Casa da Cultura do Milladoiro ou ao Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas. Ademais os días 17 e 18 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h. a 18:00 horas. Neste segundo prazo de inscrición, se hai máis solicitudes que prazas, farase un sorteo público e nunca se adxudicarán por orde de chegada.

Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames. Ademais, cada alumno/a só poderá inscribirse en dúas escolas deportivas e dous obradoiros culturais como máximo, sempre que non coincidan horarios. As clases, segundo o previsto, arrancarán a semana do luns 8 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2013.

Forma de pagamento

Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e no caso dos menores de idade tamén do titor ou titora. Unha vez que se obteña praza na actividade, haberá que realizar o ingreso do importe total da cota que custa a actividade e entregar o xustificante de pagamento nos locais de inscrición ou envialo por correo electrónico dentro dos prazos estipulados.

Ademais, para incrementar a participación, o Concello de Ames ofrece descontos nos prezos dalgunhas actividades polo segundo e o terceiro membro menor de 18 anos que se matricule.