[28-07-2014] Esta mañá a Policía Local de Ames recibiu dous novos vehículos, equipados con kit policial, cos que se renovou o parque automobilístico do corpo de seguridade amiense. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o xerente da empresa Compostela Motor asinaron a acta de recepción dos dous novos vehículos da marca Seat Altea. Deste xeito, dáse resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que conta. O custo da compra destes dous vehículos ascende a 42.595,50 euros, máis o correspondente IVE que supón 8.945,06 euros, o que fai un importe total de 51.540,56 euros. Estes vehículos son similares aos que xa empregan os axentes da Policía Local de concellos veciños.

Características dos vehículos
Estes vehículos teñen unha cilindrada de 1.968 centímetros cúbicos e 140 CV de potencia. Os novos coches están dotados cun equipamento policial específico. Deste xeito, dispón de ponte de luces, iluminación perimetral (focos led de empotrar para as aletas dianteira e traseira e focos led de superficie para o portón traseiro e para a parrilla dianteira), amplificador de sirena e megafonía, elementos de deseño e rotulación.
Ademais, entre outras características, os vehículos teñen incorporado un kit de transporte de detidos con mampara de separación entre os asentos dianteiros e traseiros, mampara posterior de separación entre o asento traseiro e o maleteiro, piso en ABS, asento dobre corrido en ABS e sistema do control de apertura das portas mediante botoneira. Tamén traen un maletín cargador con 6 balizas de 46 leds cada unha en azul/vermello.
O Concello de Ames recibiu os dous vehículos cos equipos policiais montados e tendo pasada a correspondente inspección técnica na que se incluíron todas as modificacións e equipamentos instalados coa correspondente homologación, debidamente matriculados e con toda a documentación en regra. Ademais, estes vehículos dispoñen dunha garantía de 4 anos ou ata que alcancen os 80.000 quilómetros (no caso de chegar a esta cifra antes de que os vehículos cumpran os 4 anos).
Na actualidade, o corpo da Policía Local de Ames, integrado por un total de 25 efectivos, conta cun parque automobilístico que está composto polos dous vehículos que foron entregados no día de hoxe, outros dous vehículos que teñen entre 8 e 16 anos de antigüidade, e unha motocicleta. Os vehículos do corpo de seguridade amiense rexistran un uso intensivo (todos os días á semana durante practicamente 24 horas) polo que era necesario substituír dous dos antigos vehículos patrulla.
Co obxectivo de renovar o parque automobilístico da Policía Local, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou a finais do pasado mes de marzo o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, para a subministración de dous vehículos equipados con kit policial para o corpo de seguridade amiense.
Cómpre destacar que a este proceso presentáronse un total de 5 empresas do sector da automoción e que a compañía que maior puntuación obtivo foi Compostela Motor. O custo da compra destes dous vehículos ascende a 42.595,50 euros, máis o correspondente IVE que supón 8.945,06 euros, o que fai un importe total de 51.540,56 euros. Estes vehículos son similares aos que xa empregan os axentes da Policía Local de concellos veciños.
Finalmente, os dous novos vehículos foron entregados esta mañá na praza do Concello. Ata alí achegáronse o alcalde de Ames, Santiago Amor, o inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez, e un dos oficiais do corpo de seguridade amiense, Maximino García. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o xerente da empresa Compostela Motor asinaron a acta de recepción dos dous novos vehículos da marca Seat Altea.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “coa adquisición destes dous vehículos dáse resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que contaba. Dende o goberno municipal seguiremos traballando para seguir mellorando o parque automobilístico do corpo de seguridade amiense”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Policía Local amiense estrena coches patrulla"




