[26-11-2013] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá o acto de levantamento de actas previas á ocupación de terreos para a posta en marcha da planta potabilizadora Ames-Brión. A este acto estaban convocados os propietarios dos 28 terreos afectados pola execución da ETAP e do depósito de cabeceira. Neste acto, estiveron presentes, ademais dos peritos encargados de cotexar a documentación, o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, a secretaria municipal e técnicos do departamento económico do Concello.
O pasado mes de outubro, na celebración do pleno ordinario, o Concello de Ames aprobou de xeito definitivo a relación concreta, individualizada e valorada de bens e dereitos a ocupar con urxencia para a execución da obra de construción da ETAP. Ademais, fixouse a data do 26 de novembro como día para o levantamento de actas previas da expropiación.
A expropiación forzosa dos terreos e o proxecto ETAP Ames-Brión 1º Fase foi aprobado en pleno o pasado mes de agosto e levaba implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, segundo o artigo 28 da Lei 9/2010, de 4 de novembro, xa que esta actuación está incluída no Plan de Medidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa e é, por esta razón, unha obra hidráulica de interese da comunidade autónoma.
Estas obras, que serán acometidas pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, dispoñen dun orzamento de máis de 8 millóns de euros e permitirán incrementar nun 69% a capacidade de abastecemento do sistema de auga potable de Ames e Brión.
Neste acto celebrado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns procedeuse ao levantamento de actas previas e o conseguinte abono dos depósitos previos e indemnizacións de mutuo acordo. Trátase dos últimos pasos a dar pola administración local para que as obras teñan vía libre e poidan ser iniciadas por parte da Xunta de Galicia. A totalidade das fincas teñen categoría de solo rústico de protección forestal.
A dito acto de levantamento de actas debían acudir os titulares dos terreos, persoalmente ou ben representados por alguén debidamente autorizado para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da titularidade dos terreos e a documentación identificativa da persoa.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “esta vía resulta ser a máis áxil para poder poñer os terreos a disposición da Xunta no menor prazo posible, e continuar, deste xeito, coa execución dunha infraestrutura fundamental para o Concello”. O rexedor amiense fixo fincapé, ademais, en que o Concello “conseguiu xestionar os terreos coa premura suficiente para asegurar a execución da potabilizadora”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames xa conseguiu os terreos para a planta potabilizadora"
La Voz de Galicia: "Ames inicia el pago de las expropiaciones de 28 parcelas para la nueva potabilizadora"




