[03-03-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o presidente do Milladoiro SD, Cristian Aldax Mella, asinaron un convenio de colaboración que compromete o goberno municipal a aboar ao club 10.000 euros ao longo de 2011 en virtude da colaboración pola cal o Milladoiro SD continuará coa xestión das escolas deportivas municipais de fútbol-7 e fútbol sala desde a categoría de infantís. Este convenio súmase ao que xa existe actualmente co Bertamiráns FC.
O Concello de Ames e o Milladoiro SD veñen de asinar un convenio de colaboración para o presente ano 2011. Por este convenio o club comprométese a continuar xestionando as escolas deportivas municipais de fútbol-7 e fútbol sala desde a categoría de infantís. No acto de sinatura estiveron o alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, e o presidente do Milladoiro SD, Cristian Aldax Mella, acompañado dun membro da directiva do club. O Concello e a sociedade deportiva Milladoiro reforzan así a súa liña de traballo conxunto a prol do deporte de Ames.
En cumprimento do convenio, o Milladoiro SD comprométese a continuar coas devanditas escolas deportivas como vén facendo xa desde o ano 2009. Ademais, asume o compromiso de dotarse de monitores coa preparación axeitada para atender os adestramentos e a formación deportiva e educativa integral dos asistentes aos mesmos.
O Concello de Ames ofrece un amplo abano de actividades deportivas co fin de mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía amiense. Para iso no pasado mes de outubro púxose en marcha unha nova edición das escolas deportivas, que se desenvolven nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro. As escolas deportivas contan con 803 usuarios/as. Ademais hai que ter en conta que 968 amienses asisten ás actividades físicas para adultos. A Administración local fai unha forte aposta por este servizo ao que lle dedica unha partida de 410.000 euros.
Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenden son a de patinaxe con 176 usuarios/as, tenis (173), baloncesto (129), predeporte (123) e fútbol sala (85). Cun menor índice de participación están as actividades de natación (65), tenis de mesa (32) e voleibol (20).
Por outra banda, o club deberá facer cursiños de preparación para actualizar e reciclar monitores coa colaboración da Concellaría de Deportes. Ademais deberán facerse cunha persoa cualificada como director técnico para organizar e coordinar os diferentes equipos e monitores-adestradores, supervisando o programa de adestramento de cada un deles.
Por último, debe constar o logo do Concello na vestimenta do club de forma ben visíbel, e debe constar a colaboración do Concello en toda a súa propaganda, alén de informar á Concellaría de Deportes da marcha de todas as seccións deportivas. A Concellaría será a que coordine horarios e usos de campos de fútbol e de pavillóns deportivos.
10.000 euros de axuda
En virtude do acordo, o Concello de Ames comprométese a aboar ao club unha cantidade de 10.000 euros en concepto de contraprestación polas obrigas que este asume. Os pagos desa cantidade realizaranse en tres prazos ata o vindeiro mes de xullo.
O Milladoiro SD fai un labor notábel polo deporte amiense. Desde hai anos desenvolve programas de formación e adestramento en fútbol, fútbol sala e fútbol campo. Ademais participan nas competicións oficiais con varios equipos: tres equipos benxamín de fútbol 7, tres equipos de categoría alevín da mesma modalidade; un infantil, un cadete e un xuvenil de fútbol; e dous alevíns, tres benxamíns, dous prebenxamíns e un feminino de fútbol sala.
A día de hoxe conta con máis de 200 deportistas en formación e competición. Desde a tempada 2008-2009 asumía as escolas deportivas municipais anuais de fútbol, polo cal se considerou conveniente por parte do club e do Concello formalizar unha canle de colaboración como é o presente convenio.
Esta contía súmase a achega proporcionada dentro da convocatoria de axudas para a promoción das actividades culturais e deportivas. O Milladoiro SD, recibirá 4.239,83 euros a través desta liña de axudas. En total o Concello achégalle a este club unha contía de 14.239,83 euros para que poida seguir fomentando o deporte entre a veciñanza amiense.




