Pestanas principais

O Concello de Ames vai realizar unha auditoría dos 36 parques infantís para comprobar o estado no que se atopan

Martes, 13 de outubro de 2015

[13-10-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Urbanismo e Obras Públicas, vai a poñer en marcha nos próximos días unha auditoría dos parques infantís do municipio co obxectivo de comprobar o estado no que se atopan estas áreas recreativas e solucionar os problemas que presentan. Na actualidade, existen un total de 36 parques infantís (20 de area e 16 de caucho) que están situados no Milladoiro, Bertamiráns e nas parroquias da zona rural. Paralelamente, estase traballando nun estudo para cubrir un parque infantil no Milladoiro e outro en Bertamiráns, así como para construír un parque infantil accesible no que poidan xogar nenos e nenas con algún tipo de discapacidade.

Nos próximos días vaise realizar unha auditoría dos parques infantís que consistirá nunha descrición do estado actual de cada un dos parques indicando as deficiencias detectadas conforme á normativa en vigor. Ademais, elaboraranse uns planos de situación de cada parque infantil; farase unha reportaxe fotográfica de cada parque e dos seus elementos; e determinarase a altura crítica da superficie amortiguadora mediante ensaio HIC. Por último, realizarase unha proposta para solucionar as deficiencias detectadas.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, “este estudo faise pola preocupación que ten o Goberno municipal pola seguridade dos nenos e das nenas que son usuarios/as destas instalacións municipais. Somos conscientes de que existen varios parques nun estado precario que é necesario melloralos e arranxalos”.

Paralelamente, dende a concellaría de Urbanismo e Obras Públicas estase traballando nun estudo para cubrir un parque infantil no Milladoiro e outro en Bertamiráns de cara a temporada de inverno. Blas García, indica que “estas instalación teñen un gran uso por parte de todos os nenos/as durante todo o ano, pero en inverno están mollados e nunhas condicións que non son as máis axeitadas para o seu uso. Debido a iso pretendemos cubrir dous parques para que os rapaces poidan facer uso deles tamén durante os meses de inverno”.

Por último, o Goberno municipal está elaborando un proxecto para construír un parque infantil accesible no que poidan xogar nenos e nenas con algún tipo de discapacidade funcional, así como o resto de rapaces e rapazas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames habilitará un parque infantil con juegos adaptados y dos recintos bajo cubierta"
El Correo Gallego: "Inspeccionarán los treinta y seis parques amienses para atajar sus deficiencias"