Pestanas principais

O Concello de Ames vai mellorar os accesos e a rede de saneamento do instituto do Milladoiro

Mércores, 19 de outubro de 2016

[19-10-2016] O goberno municipal reuniuse co xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, para trasladarlle as propostas do Concello de Ames, da dirección do IES do Milladoiro e da comunidade educativa sobre a mellora da accesibilidade na avenida Muíño Vello, correspondente ao tramo situado na parte traseira do instituto desta localidade. O acondicionamento deste viario permitirá habilitar un novo acceso para o alumnado, o transporte escolar e efectivos de emerxencias. Dende a súa apertura o IES do Milladoiro só dispoñía dun único acceso pola Travesía do Porto. Ao mesmo tempo conectarase o instituto á rede de saneamento pública.

O Concello de Ames está executando as obras de construción dun viario dende a avenida Muíño Vello ata a estrada de Ventín para crear unha nova saída dende o polígono Novo Milladoiro. Desta forma a parte oeste do núcleo urbano do Milladoiro estará conectada directamente co parque empresarial, alixeirando o tráfico que cruza cada día a avenida de Rosalía de Castro, eixe central do Milladoiro. As obras inclúen o acondicionamento da explanación e o posterior afirmado dun tramo de 240 metros, a execución de gabias para a recollida da auga pluvial e a colocación de sinalización viaria. Estas obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 86.057 euros (IVE incluído). Este proxecto está incluído no plan provincial PAS-Convenios 2015.

Ademais, cómpre salientar que a construción deste viario servirá como vía de acceso á parte traseira do IES do Milladoiro. Aproveitarase a minoración da cota deste viario para habilitar un novo acceso ao centro educativo para o alumnado, o transporte escolar, sistemas de emerxencias e seguridade. Nos vindeiro días os técnicos municipais e da Xunta de Galicia manterán unha xuntanza para determinar o punto da nova vía no que se executará o novo acceso ao instituto. Trátase dunha obra que leva reclamando dende hai tempo a comunidade educativa deste centro.

Conexión á rede de saneamento pública
Ao mesmo tempo, aproveitando estas obras, facilitarase a conexión á rede de saneamento pública. Dende a apertura do centro de ensino secundario estase utilizando unha fosa séptica que conta cun sistema de bombeo. Os gastos de funcionamento de dito sistema están sendo asumidos polo propio centro. Deste xeito, o que se pretende é darlle saída a rede de pluviais e fecais para conectalo co sistema de saneamento público, e así evitar que dende o centro segan asumido os custes deste servizo. Outros aspectos comentados na xuntanza estiveron relacionados coa necesidade de incrementar o orzamento anual para o instituto por parte da Xunta de Galicia, os aseos da cafetaría, os sistemas de seguridade e o acondicionamento das zonas verdes na contorna do centro.

Os concelleiros de Educación e Cultura, David Santomil, e de Urbanismo, Obras e Servizos Básicos, Blas García, visitaron o IES do Milladoiro xunto co xefe do servizo da unidade técnica, Adolfo Villaverde, e o xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, así como o director do instituto, Víctor Santidrián, e o secretario do centro educativo, Antonio Puentes. Nesta visita puideron comprobar o estado de execución das obras de mellora da accesibilidade ao instituto dende a avenida Muíño Vello.

Asuntos de interese para a comunidade educativa de Ames
Nesta mesma xuntanza fíxose un seguimento das obras de ampliación do IES de Ames e da licitación das obras do CEIP Agro do Muíño, ambos centros situados en Bertamiráns. Tamén se afondou no compromiso municipal co funcionamento das escolas unitarias de Covas e Ortoño, así como na necesidade de dispor dos terreos necesarios para a construción dun novo CEIP para O Milladoiro e dun centro de Formación Profesional (FP).



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comienzan a construir un acceso al IES de O Milladoiro y la conexión al alcantarillado"