Pestanas principais

O Concello de Ames vai colocar un tótem na praza da Maía para marcar o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia

Venres, 16 de xullo de 2021

Bertamiráns, en concreto a Praza da Maía, é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. Este camiño, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima, para o que hai que realizar 90 millas náuticas e 10 km a pé. O Concello de Ames traballa no deseño dun tótem, para finais de ano, que marque o inicio da última etapa a pé dende a Praza da Maía de Bertamiráns.

O Camiño da Ría de Muros e Noia foi declarado oficial o 15 de decembro de 2020 despois de tres anos de investigacións. Esta Ruta Xacobea, que permite combinar a navegación cun tramo a pé, conta dende entón coa mesma oficialidade que o Camiño Francés, o Portugués, o Inglés ou o Primitivo. O itinerario atravesa os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames. O noso concello convértese, polo tanto, na última etapa cara Compostela.

Con esta ruta son tres os Camiños de Santiago que discorren polo Concello de Ames: o Portugués, o de Fisterra e o recentemente oficializado de Muros e Noia. Deste xeito, polo termo municipal de Ames atravesan os peregrinos que escollan o Camiño Portugués para chegar a Compostela, aqueles que logo de visitar Compostela decidan continuar ata Fisterra e os que se decanten pola ruta da Ría de Muros e Noia.

O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, anunciou a colocación dun tótem na Praza da Maía para sinalizar o punto de partida da etapa a pé do Camiño da Ría de Muros e Noia. E manifestou “Esta ruta é moi atractiva pois combina a Galicia costeira coa Galicia interior ofrecéndolle aos peregrinos o mellor da cada unha.” Engadiu ademais “O Camiño da Ría de Muros Noia servirá, ademais, para poñer en valor as aldeas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído polas que transcorre ata Santiago de Compostela”

A localidade de Bertamiráns conta con todos os servizos necesarios: restaurantes, cafeterías, bancos, Correos, supermercados e un longo etcetéra. Un amplo abano de posibilidades para facilitarlle ao peregrino os últimos quilómetros ata Compostela.

Camiño dende Bertamiráns
Son 12 os quilómetros que separan a Praza da Maía, en Bertamiráns, da Praza do Obradoiro, en Compostela. O camiño polo concello transcorre entre estradas locais e agradables paisaxes onde se alternan os bosques e os cultivos.

O trazado entra no noso concello pola aldea de Carballido para continuar polo lugar de Cantalarrana, dúas aldeas tras as cales se abre paso o núcleo de Bertamiráns. A praza da Maía alzarase como punto neurálxico do camiño coa colocación dun tótem a finais de ano. Dende esta praza a ruta lévanos cara a Condomiña para adentrarnos na parroquia de Ortoño, un lugar simbólico onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia. Na aldea da Tarroeira encontramos o domicilio da familia paterna da poeta e onde en 1923 se fundou o Seminario de Estudios Gallegos. Continuando o camiño os peregrinos poderán desfrutar do cruceiro e da igrexa de san Xoán de Ortoño situada no lugar do Santo.

Pasado Ortoño o camiño entra na parroquia de Bugallido concretamente percorrendo as aldeas de Mourigade, Outeiro e Barreiro. Neste tramo os camiñantes poderán gozar dunha paisaxe que mestura as vivendas cos campos de cultivo. A aldea de Mourigade destaca polas vivendas rehabilitadas a partir de construcións antigas e os vellos muros que as rodean. Coa chegada á aldea de Barreiro mergullámonos nun tramo de bosque onde a natureza e a tranquilidade nos acompañan ata a fin do termo municipal, que abandonaremos pola aldea de Fraiz, na parroquia de Biduído.

Promoción desta ruta
O trazado do Camiño de Santiago Muros Noia que percorre o Concello de Ames foi exposto polo concelleiro de Turismo, Manuel Lens, na Feira Internacional do Turismo en Madrid a través dun vídeo.

Dende a concellaría de Turismo mantiveron, tamén, reunións con empresarios do sector turístico, do ámbito cultural, con asociacións de veciños e artesáns para potenciar e desenvolver actividades ao abeiro desta prometedora ruta.

Ademais ao longo do curso os alumnos do CEIP Agro do Muíño traballaron as distintas rutas xacobeas para culminar realizando o tramo que discorre entre a aldea do Santo, en Ortoño, ata Compostela.

Primeiros peregrinos
Os primeiros peregrinos en probar esta ruta non se fixeron agardar. O día 17 do pasado mes de xuño un grupo de xornalistas realizaron esta ruta para vivir a experiencia e ao mesmo tempo dar conta aos seus lectores de todas e cada unha das xoias que agocha.

Unha semana despois outro grupo de xornalistas achegouse a Bertamiráns para coñecer da man do alcalde; Blas García, do concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e do concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández,  todas as bondades deste camiño.

O pasado domingo 11 de xullo o concello recibiu unha peregrinación do Clube Náutico de Baiona. Un total de 25 embarcacións chegaron a Portosín na xornada do sábado para parte delas continuar o domingo a xornada a pé que une Bertamiráns con Santiago de Compostela.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames: punto neurálxico do Camiño de Santiago"

La Voz de Galicia: "Ames instalará un tótem en el último tramo del Camino de la Ría de Muros-Noia

Revista AmesGO: "Un tótem marcará en Bertamiráns a última etapa do Camiño da Ría Muros Noia"
 

Grupo de peregrinos que partiron dende Bertamiráns a Compostela

Multimedia

  • Grupo de peregrinos en Bertamiráns
  • Grupo de xornalistas que visitaron Bertamiráns