Pestanas principais

O Concello de Ames urbaniza un viario que dará acceso rodado ao IES do Milladoiro

Mércores, 11 de febreiro de 2015

[11-02-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e a concelleira de Xuventude e Seguridade, Ana Ruso, visitaron esta mañá as obras que se están realizando na parte traseira do IES do Milladoiro. En concreto, trátase duns traballos de urbanización dun viario duns 220 metros de lonxitude nos sectores de solo urbanizable S-14 e S-16. O desenvolvemento das obras realízase de acordo coa modificación puntual do plan parcial destes sectores urbanizables.

O proxecto está divido en tres treitos. A execución do primeiro e do terceiro –que están encadrados no S-16 Galdrachán– corren a cargo do Concello e teñen un custo total de 68.490 euros. O primeiro tramo, que está pegado á rúa dos Agriños, dispón de 50 metros de lonxitude e 20 de ancho. Nesta zona estanse urbanizando a estrada, as beirarrúas e as zonas de aparcadoiro. O terceiro tramo tamén dispón de 50 metros de lonxitude e nel estase a realizar un desmonte en rocha para chegar ata a porta traseira do IES do Milladoiro.  

Por outra parte, o segundo treito, que dispón de 120 metros de lonxitude por 20 de ancho, está sendo urbanizado pola Entidade Urbanística de Xestión do S-14. Nesta zona tamén se están acondicionando a estrada, as beirarrúas e as zonas de aparcadoiro.  

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “grazas a esta actuación dotarase dun novo viario de acceso ao IES do Milladoiro. Isto permitirá que poidan entrar vehículos pola parte traseira do instituto. Deste xeito, o novo IES disporá dun acceso peonil pola parte dianteira e un acceso de tránsito rodado pola parte traseira”.  

Descrición das obras  
En primeiro lugar executarase a canalización de pluviais, que se realizará con tubería de PVC por ambas marxes da estrada cos seus correspondentes pozos e arquetas de sumidoiro. As pendentes conducirán a auga ata a división entre os carrís e a zona de aparcamento onde se colocará unha rigola de 50x30x10 centímetros. A conexión coa rede xeral realizarase no comezo do viario onde xa existe na actualidade un pozo.  

Ademais, executaranse as correspondentes canalizacións de saneamento e abastecemento, así como as de media tensión e telecomunicacións. Por outra parte, instalaranse dous farois na marxe esquerda do viario. A conexión coa rede xeral farase na zona do novo aparcamento realizado no comezo do viario. Tamén se contempla a colocación da correspondente sinalización horizontal e os remates e conexións nas beirarrúas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El IES Milladoiro tendrá un acceso rodado y otro peatonal"
El Correo Gallego: "El Ayuntamiento de Ames retoma los trabajos viarios para que el instituto de O Milladoiro tenga su acceso"