[02-05-2013] O Concello de Ames unificará as placas identificativas dos vados de garaxe do municipio. Para isto, levará a cabo un proceso de revisión dos garaxes situados no concello, tendo en conta todos os accesos de vehículos a propiedades privadas a través das beirarrúas ou vías públicas, especialmente nas zonas urbanas.
O obxectivo desta medida é poñer en marcha unha actualización dos sinais identificativos destes garaxes e, ademais, realizar unha revisión das entradas de vehículos que hai actualmente no municipio amiense. A día de hoxe, existen diferentes placas de sinalización dos vaos de garaxe, que foron empregadas ao longo dos últimos anos. Dese xeito, hai diferencias de tamaño entre as placas, de cor ou de imaxe corporativa, polo que é necesario establecer un modelo común para unificalas e actualizalas.
O Concello de Ames conta cunha ordenanza que regula as reservas de vía pública para acceso de vehículos. Esta normativa municipal establece un distinto tratamento en función do tipo de inmoble (se se trata dunha vivenda unifamiliar ou dun garaxe comunitario), do número de metros liñais que utilice o vado e do número de prazas de vehículos coas que conta o garaxe, entre outros factores.
Os servizos técnicos municipais e a Policía Local encárganse de tramitar as solicitudes que presentan os cidadáns amienses e de solventar calquera dúbida que poida xurdir neste procedemento.
A regulación e control dos vados de garaxe por parte do Concello de Ames permite unha mellor utilización e aproveitamento da vía pública, tanto por parte dos propietarios destas entradas e saídas de vehículos como para as persoas que circulan a diario polo municipio amiense. A ordenanza local que regula a entrada de vehículos a través de beirarrúas pode ser consultada na páxina web do Concello de Ames (www.concellodeames.org), no apartado de documentación municipal.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames unificará as placas identificativas dos vados"
La Voz de Galicia: "Ames unificará las placas de los vados, lo que obligará a inspeccionar todos los garajes"




