Pestanas principais

O Concello de Ames únese un ano máis á campaña de sensibilización “Liberdade de Ser e Sentir!” impulsada desde Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña

Martes, 09 de xuño de 2020

A campaña “Liberdade de Ser e Sentir!”, impulsada dende Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña busca sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Esta, que conta coa participación do Concello de Ames, estará dispoñible ata o día 28 de xuño, día da diversidade sexual. Podes consultar algúns recursos da campaña premendo neste enlace.

O Concello de Ames súmase á campaña de sensibilización “Liberdade de Ser e Sentir!”, promovida pola Deputación da Coruña. Así, ata o 28 de xuño, a campaña contará cunha programación chea de recursos para conmemorar o día da diversidade sexual. Durante ese período, irase subindo contido paulatinamente á web da campaña , onde xa se encontran dispoñibles algúns destes recursos.

Un dos contidos xa dispoñibles na web é unha das palestras centradas na diversidade sexual. Desta maneira, estanse organizando catro palestras virtuais para dar visibilidade ao traballo que se está a realizar en Galiza a prol da diversidade sexual, centrándonos nos dereitos, barreiras e liberdades do colectivo LGTBQI+, e onde falarán diferentes especialistas e activistas nas seguintes áreas: deporte, infancia e adolescencia, medios de comunicación e literatura.

A palestra que xa se encontra dispoñible, e que xa se pode visualizar online,  é “Visibilidade LGTBQI+ no deporte”, onde a xornalista Bárbara G. Vilariño entrevista á karateka Cristy Tojo.

Nela, Cristy Tojo, deportista e activista, fai reflexións como esta: "O deporte pode ser unha boa ferramenta de inclusión, porque o deporte ten que servir para todes. Para todos os corpos, para diferentes realidades, diversidades, sexualidades e xéneros. Pero si que é certo que cando chegas ao mundo da alta competición o primeiro que te atopas é con algo que é bastante tránsfobo. Porque primeiro métenche nunha categoría, ou feminina ou masculina. E despois que, eu por exemplo no mundo do karate non atopei a ningunha persoa lésbica nin bisexual, parece que nos armarizan. Penso que o deporte si é unha ferramenta tanto para loitar como para poder visibilizar porque a partir de aí moita xente pode ver a realidade da diversidade".

Outros dos contidos que tamén se encontra dispoñible na páxina son varios capítulos da serie web S.E.X., que trata temas como a sexualidade, corpos, desexos, relacións íntimas.

Asemade, subirase o contacontos “Planeta LGBT”,  a cargo de Felipe Díaz (Caxoto) e a actividade “Balcóns da diversidade”, que consiste en animar a colgar as bandeiras do arco da vella nas fiestras e/ou balcóns e participar no concurso de Facebook polo día da liberdade sexual, que comezará a partir do próximo 12 de xuño.

Podes consultar o programa completo da campaña no cartel anexo a esta nova.

O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGBTQI+

A lexislación internacional sobre dereitos humanos e múltiples tratados internacionais consagran a igualdade como un principio xurídico fundamental e universal. Dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que establece que “toda persoa ten os dereitos e as liberdades proclamados nesta declaración, sen ningunha distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”. Son numerosos os textos sobre dereitos humanos e múltiples tratados os que consideran a igualdade das persoas como un principio xurídico fundamental e universal.

En Galiza, os principios de liberdade e igualdade aparecen recollidos no Estatuto de autonomía, no seu artigo 4.2 recolle a obriga que corresponde aos poderes públicos de «promover as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación da cidadanía galega na vida política, económica, cultural e social».

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Deputación e 34 concellos de Área apostan pola diversidade"

Revista Ames Go: "Balcóns da Diversidade para celebrar o Orgullo LGTB"

Liberdade de ser e sentir!

Multimedia

  • Programación campaña Liberdade de ser e sentir!