[25-03-2013] O Concello de Ames está cerrando os trámites necesarios para dar cumprimento ao convenio asinado co Arcebispado de Santiago de Compostela no ano 2001 que tiña como obxectivo a cesión dunha parcela no Milladoiro destinada á ubicación dunha igrexa. Deste xeito, sacase adiante unha cuestión urbanística ralentizada desde hai anos e proponse a cesión dunha parcela situada no sector S-14 Travesía do Porto Norte. O obxectivo é cumprir coa obriga do Concello pola que a Igrexa lle entregou varias parcelas en Ortoño e Milladoiro, que o Concello vén empregando dende entón. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que, deste xeito, “o Concello cumpre coa obriga adquirida hai 12 anos, da que o Arcebispado xa cumpriu a súa parte cedendo varias parcelas e da que o Concello espera cumprila proximamente”.
A parcela proposta resulta da modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán” aprobada en novembro de 2012 polo Goberno amiense. O obxectivo desta modificación puntual era redistribuír as zonas de uso público e os espazos verdes públicos destes dous sectores para poder xuntalos. Deste xeito, conseguiuse unha parcela para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos, tan escasos na zona do Milladoiro.
O acordo para esta cesión acadouse en febreiro de 2001. Nesa data, o Concello de Ames e o Arcebispado de Santiago de Compostela asinaron un convenio en virtude do que o Arcebispado cedía ao Concello tres parcelas para uso municipal (en Ortoño e no Milladoiro) e no que a Administración local se comprometía a ceder ao Arcebispado unha parcela de 2.000 metros cadrados para a instalación dun equipamento relixioso no Milladoiro. Aínda que en 2007 houbo un intento de ceder unha parcela, finalmente non se levou a cabo.
Para cumprir o convenio asinado no seu día co Arcebispado, o seguinte paso que realizará o Concello de Ames será levar ao próximo pleno, que se celebrará o luns 1 de abril, a proposta de desafectación dunha parcela de titularidade municipal situada no Milladoiro para a súa posterior transmisión en propiedade ao Arcebispado. Unha vez aprobado en pleno, o acordo someterase a exposición pública polo prazo dun mes. De non presentarse alegacións neste período, o acordo provisional quedará elevado a definitivo de xeito automático, sen prexuízo de que se require acordo plenario para a súa recepción definitiva.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ceden terreno para dotar a O Milladoiro con un templo"
La Voz de Galicia: "Ames ofrece un solar en Travesía do Porto para construir una iglesia"




