Pestanas principais

O Concello de Ames ultima a adxudicación do programa Amessan, que podería estar en funcionamento en febreiro

Xoves, 24 de xaneiro de 2013

[24-01-2013] O Concello de Ames ultima a adxudicación do programa Amessan, un servizo de realización de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores, que se prevé que se poña en marcha ao longo do vindeiro mes de febreiro. Na última Xunta de Goberno Local procedeuse á clasificación de ofertas para a adxudicación do servizo, establecendo como mellor oferta a presentada pola firma Esproade, cun importe total de 72.690,75 euros por dúas tempadas. O seguinte paso será a adxudicación definitiva e a sinatura do contrato.

Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.

Este programa, que ten como obxectivo promover hábitos de conduta saudables, está dirixido ás persoas adultas e anciáns amienses. O Concello de Ames calcula que este programa municipal poñerase en marcha no vindeiro mes, unha vez remate o proceso de contratación.

Amessan ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. Isto conséguese a través de varias actividades que traballan a prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores e persoas con discapacidade. Coa realización destas actividades preténdese que as persoas participantes se divirtan ao mesmo tempo que promoven a súa saúde, sendo o obxectivo do programa fomentar a autonomía, independencia e a participación social das persoas maiores e persoas con discapacidade do Concello de Ames.

As iniciativas enmarcadas neste programa estarán dirixidas a persoas empadroadas no Concello de Ames que sexan maiores de 60 anos ou que, sendo menores de 60 anos, conten con algunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Exercicio físico e ocio
As actividades englobaranse en tres grandes bloques. O primeiro deles comprende as actividades de exercicio físico, que terán como fin fomentar a capacidade perceptivo motora dos asistentes como pode ser a ximnasia terapéutica. O segundo bloque é o destinado a actividades ocupacionais, aquelas orientadas á promoción das habilidades e á conservación e desenvolvemento da independencia adulta (como por exemplo, obradoiros de memoria ou de habilidades sociais).

Por último, ofreceranse actividades complementarias que terán como fin favorecer o benestar e satisfacción social. Neste grupo inclúense as actividades de ocio, formativo e cultural.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames ultima a adxudicación do programa Amessan, que podería estar en funcionamento en febreiro"