[18-04-2013] O Concello de Ames ultima a adxudicación das obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta, na parroquia de Ames. Na última Xunta de Goberno Local procedeuse á clasificación de ofertas para a adxudicación dos traballos. O seguinte paso será a adxudicación definitiva e a sinatura do contrato. Está previsto que estes traballos, que están incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña, comecen proximamente.
Esta mañá, o concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, desprazouse ata Barouta, onde mantivo unha reunión cos responsables dos traballos que a Xunta de Galicia está acometendo na estrada Roxos-Portomouro, de cara a coordinar a execución das obras de xeito que non interfiran unhas cas outras.
A través deste proxecto de abastecemento de auga vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal. O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, subliña que “con esta actuación mellorarase a rede de saneamento do Concello, ampliando o servizo a vivendas e á comunidade educativa e mellorando a súa calidade”.
Características dos traballos
As obras que se acometerán no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.
O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.320 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.





