[14-05-2014] A corporación municipal aprobou este martes, 13 de maio, nun pleno, extraordinario e urxente, as obras incluídas no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que está dotado de 277.770,78 euros. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, a abstencións dos concelleiros/as do grupo socialista e dos ex-concelleiros/as do Partido Popular, e o voto en contra dos ex-concelleiros do BNG. Ademais, a corporación municipal aprobou por unanimidade, de xeito inicial, o regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. Deste xeito, o mercado de rúa do Milladoiro pasará a celebrarse no aparcadoiro que está situado na Rúa Agro do Medio, enfronte a Rúa Cruxa, o segundo e cuarto venres de cada mes, en horario de 10:00 a 15:00 horas.
O Pleno do Concello de Ames aprobou os proxectos que se executarán con cargo ao plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que está dotado de 277.770,78 euros. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “no pasado pleno do mes de decembro xa se deu conta de que a Deputación da Coruña poñía en marcha este plan e propúxolle aos membros da oposición que achegasen propostas. Despois, no pasado mes de febreiro contactouse cos membros da oposición para que remitiran as súas propostas. Finalmente, o pasado 28 de abril mantívose unha xuntanza na que o goberno lle expuxo á oposición as obras que ía incluír neste plan e onde os membros da oposición presentaron as súas propostas, unha vez o goberno lle remitiu a proposta de actuacións”.
Deste xeito, o goberno municipal propúxolle ao Pleno a aprobación de seis obras que se consideran de vital importancia para a cidadanía amiense. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, a abstencións dos concelleiros/as do grupo socialista e dos ex-concelleiros/as do Partido Popular, e o voto en contra dos ex-concelleiros do BNG. O Concello de Ames dedicará o 100% desta contía a execución destes seis proxectos.
Proxectos sufragados con cargo ao plan DTC 93
Un dos proxectos é a reparación do camiño, que vai dende Ponte Lapido ata A Tarroeira (Ortoño). Esta obra consiste na mellora da capa de rodaxe deste camiño, para mellorar o tránsito pola devandita estrada, tanto dos vehículos coma dos peóns. Neste proxecto tamén se inclúe a reparación dun muro de contención, que está en estado de derrubamento no lugar de Castiñeiro do Lobo, e a reparación da rúa Rueiro e da rúa Arrucheiro, ambas situadas na localidade de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 36.777,94 euros.
Outro dos proxectos que se inclúen neste plan é a reparación do cruce do camiño que vai do Milladoiro a Ventín. Esta actuación é moi importante, xa que afecta a unha vía de entrada cara o CEP de Ventín, que conta cun gran volume de tráfico no momento en que o alumnado entra e sae do centro educativo. Esta obra tería un custo de 63.253,11 euros.
Neste plan provincial tamén está incluído o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar da Mámoa ata a praia fluvial de Tapia. Esta obra consiste na reparación do viario co correspondente tratamento asfáltico superficial. Ademais, neste proxecto inclúese a reparación do camiño transversal que discorre polos lugares de Capeáns, Covas e A Igrexa, na parroquia de Covas, así como a reparación interior en Quistiláns. Estas obras, que contan cun orzamento de 30.422,95 euros, mellorará a seguridade viaria das devanditas estradas, dando resposta ás necesidades dos veciños da zona.
No tocante ó proxecto de reforma da estrada que vai dende a rúa do Pedregal ata a rotonda de Poeta da Maía, en Bertamiráns, realizarase unha mellora da capa de rodaxe deste viario. Así mesmo, reporanse as beirarrúas en dous treitos con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Antes de reparar o pavimento contémplanse a colocación de varias canalizacións para o saneamento, a recollida de pluviais, as liñas eléctricas, de comunicacións e de iluminación pública. Neste proxecto tamén se contempla a colocación da sinalización horizontal e o pintado de liñas en bordes, símbolos, pasos de peóns e isletas. A actuación dará resposta a un problema de seguridade peonil existente nesta zona situada en pleno núcleo urbano de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 66.322,97 euros.
O proxecto de reparación do camiño paralelo ao campo de fútbol de Bertamiráns cara o lugar de Castrigo consiste na reparación do devandito camiño, pero ademais inclúe outra obra que é a reparación do camiño da Tarroeira, situado na parroquia de Ortoño, que consiste na mellora da capa de rodaxe deste viario. Esta obra, que conta cun presuposto de 35.298,62 euros, facilitará o transito dos vehículos cunhas condicións idóneas de seguridade.
Por último, o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar de Piñor ata A Garea, na parroquia de Agrón, consistirá na mellora da capa de rodaxe do devandito camiño e a colocación da correspondente sinalización horizontal. Esta actuación mellorará a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos, dando resposta ás necesidades da zona. Este proxecto conta cun orzamento de 45.695,19 euros.
Ademais, hai que destacar que no plan provincial DTC 93 adicional inclúense tres obras máis que son o proxecto denominado “reparación do camiño de Capeáns ao camiño de Covas e outros” que conta cun presuposto de 36.818,61 euros; o proxecto de “reparación do camiño de Agro do Muíño (Ortoño) e outros” que ten un orzamento de 40.801,15 euros; e o proxecto de “reparación interior en Insua (Agrón) e outros”, que dispón de 32.222,72 euros.
Regulamento do mercado de venda ambulante
Ademais, a corporación municipal aprobou por unanimidade, de xeito inicial, o regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. Deste xeito, o mercado de rúa do Milladoiro pasará a celebrarse no aparcadoiro que está situado na Rúa Agro do Medio, enfronte a Rúa Cruxa, o segundo e cuarto venres de cada mes, en horario de 10:00 a 15:00 horas.
Este acordo adoptouse despois de que o pasado 30 de abril o goberno municipal se reuniuse coas asociacións de comerciantes e profesionais de Ames para coñecer a súa opinión sobre este asunto. En dita reunión adoptouse por consenso unha proposta que onte foi ratificada polo Pleno do Concello de Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Milladoiro terá mercado de rúa o segundo e cuarto venres pola mañá"