- Tematica
O Concello de Ames, a través da súa entidade pública, Augas de Ames EPEL, está a colaborar co proxecto europeo VR4STEM, unha iniciativa liderada pola USC en colaboración con distintas institucións públicas e académicas europeas. Con este propósito, estase a desenvolver un recurso didáctico inmersivo dirixido ao alumnado de secundaria sobre o ciclo integral da auga urbana, que propón unha visita virtual á ETAP de Ames. A través dun contorno 3D, o alumnado poderá coñecer as distintas fases do tratamento da auga e comprender como se capta, trata e distribúe este recurso nun concello pioneiro na xestión pública da auga.
Carmen Fernández-Morante, Lorena Casal e Carlos González, investigadoras do grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), visitaron recentemente as instalacións da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (Augas de Ames EPEL).
Durante a visita, o equipo investigador foi recibido pola xerente de Augas de Ames, Genma Otero, e pola enxeñeira xefa do servizo, Verónica Castro, que presentaron a traxectoria e os principais retos da EPEL Augas de Ames. A continuación, realizouse unha visita guiada pola Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ames.
Esta actividade enmárcase no proxecto europeo de investigación VR4STEM (Digital STEAM for All – Empowering Secondary Schools and Girls in STEM Through VR), un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela orientado ao desenvolvemento e experimentación de tecnoloxías inmersivas —realidade virtual, aumentada e mixta— aplicadas á educación secundaria, en colaboración con institucións públicas e socios europeos.
O proxecto VR4STEM ten como obxectivo principal impulsar a educación STEAM mediante a integración de recursos dixitais inmersivos e adaptativos, promovendo o compromiso coa igualdade de xénero, a sustentabilidade e a protección do medio ambiente. Así mesmo, busca mellorar as competencias dixitais do profesorado de secundaria e implicar o alumnado en experiencias de aprendizaxe STEAM inmersivas.
O alcalde de Ames, Blas García, presidente da EPEL Augas de Ames, destacou “a importancia da cooperación entre institucións públicas, universidades e entidades locais, que permite poñer en valor o coñecemento técnico e achegalo á sociedade a través de iniciativas educativas transformadoras”.
A xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero, dixo “é unha gran oportunidade poder colaborar nun proxecto como VR4STEM, cunha clara proxección internacional e centrado na innovación educativa e na sustentabilidade. Esta participación supón tamén un recoñecemento ao traballo que está desenvolvendo Augas de Ames na xestión pública da auga e no seu compromiso coa innovación, a igualdade de xénero e a educación ambiental”.
Visita virtual á ETAP de Ames
As investigadoras do Instituto de Ciencias da Educación da USC desempeñan un papel central no proxecto, liderando o desenvolvemento de ferramentas e recursos educativos baseados en realidade virtual, a formación do profesorado e a avaliación do impacto da aprendizaxe mediada por tecnoloxías inmersivas.
Con este propósito, estase a desenvolver un recurso didáctico inmersivo dirixido ao alumnado de secundaria sobre o ciclo integral da auga urbana, que propón unha visita virtual á ETAP de Ames. A través dun contorno 3D, o alumnado poderá coñecer as distintas fases do tratamento da auga e comprender como se capta, trata e distribúe este recurso nun concello pioneiro na xestión pública da auga.
Este recurso conecta os contidos STEM coa educación ambiental, o cambio climático, a saúde pública e as políticas europeas de sustentabilidade. Ademais, fomenta actitudes responsables como o aforro de auga, a conservación dos recursos hídricos e a conciencia sobre a auga como ben escaso e esencial para a vida.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A estación de tratamento de auga potable de Ames convértese en recurso didáctico"







