Pestanas principais

O Concello de Ames tramita a posta a disposición da parcela para a construción do novo colexio no Milladoiro

Martes, 18 de xuño de 2019

Dende o Concello estase a traballar na posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para construír un novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro, que se atopa no último trámite no Rexistro da Propiedade dende o 13 de maio de 2019. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluída no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros. Na visita realizada onte pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, ao IES de Ames, ratificou o compromiso da Xunta na construción deste novo colexio para O Milladoiro e na ampliación do CEIP Agro do Muíño.

O Concello de Ames está traballando na posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos necesarios para construír un novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro. No pasado mes de decembro, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. O 13 de maio de 2019 iniciouse o trámite no Rexistro da Propiedade de Negreira, para inscribir a parcela e iniciar os trámites de posta en diposición da Xunta de ditos terreos.

Estas parcelas poranse a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta da Galicia, para a construción dun novo colexio público de infantil e primaria no Milladoiro, previo trámite de aprobación por parte do Pleno da Corporación. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluída no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño
Por outra banda, este encontro serviu para que a Xunta ratificase o seu compromiso co Concello de Ames para ampliar e construír novas infraestruturas educativas. Cabe salientar que o Concello de Ames puxo a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de 4.345m2 necesaria para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña educativa máis.

O 27 de decembro de 2018 aprobouse por unanimidade do Pleno da Corporación de Ames poñer a disposición da Xunta de Galicia esta parcela. A Xunta de Galicia deberá agora remitir o convenio para a súa sinatura e iniciar as obras comprometidas ao carón do actual centro escolar. Para executar este proxecto cóntase cun orzamento de 900.000 euros.

Visita ao IES de Ames
Durante a visita institucional a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional estivo acompañada do alcalde do Concello de Ames, José Miñones, e do concelleiro de Educación, David Santomil. Carmen Pomar salientou o compromiso deste IES coa implantación de proxectos educativos que a Consellería pon á disposición dos centros escolares en toda Galicia, sobre todo no que atinxe á ensinanza plurilingüe e a accións desenvolvidas no ámbito da biblioteca escolar entre outros; así como o alto nivel de rendemento académico do alumnado deste centro, cun cen por cen de aprobados nas probas de acceso á universidade no pasado curso, e con 7 premios extraordinarios de Bacharelato.

O IES de Ames implantou por primeira vez a ensinanza plurilingüe no ano 2011 na etapa de secundaria e o curso pasado ampliouna a bacharelato. Así mesmo, este centro é especialmente activo no que atinxe a proxectos que teñen como eixe central a súa biblioteca escolar. De feito benefíciase do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) impulsado pola Consellería; e tamén está adherido á iniciativa “Voluntariado na Biblioteca Escolar”.

Ademais, o IES de Ames participa noutras accións como son o Plan Proxecta, a través do cal forma parte da rede de centros activos e saudables cun proxecto deportivo de centro, e tamén un de Protexe o teu medio e outro de Educación Patrimonial; e dos Contratos-programa no que atinxe ás liñas específicas de mellora das competencias clave, mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e reforzo das competencias clave en 3º e 4º de ESO na modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Ames aprobou a expropiación e leva ao rexistro as parcelas para o colexio"

Compostela 24 horas: "Ames prepara todos os trámites para poñer o terreo a disposición da Xunta para a construcción do CEIP do Milladoiro"

Compostela 24 horas: "Pomar promete un investimento de 5 millóns de euros nos centros educativos de Ames"

El Correo Gallego: "Educación apremia terrenos para construir el colegio de Milladoiro"

Mapa dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro

Multimedia

  • Ortofoto dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro