[23-06-2015] O Concello de Ames adheriuse un ano máis ao convenio de colaboración proposto pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais. As medidas preventivas e de extinción articúlanse arredor de tres puntos fundamentais como son os traballos de desbroce e limpeza con medios mecanizados (tractor); as labores de prevencións e extinción mediante unha brigada de 6 persoas; e a elaboración dun plan municipal que recolle o modelo de actuación no caso de detectarse algún incendio forestal.
O convenio asinado coa Consellería do Medio Rural e do Mar conta de dúas partes: actuacións preventivas e traballos mecanizados de defensa contra os incendios forestais. Para levar a cabo as medias preventivas o Concello de Ames abriu un proceso para contratar a realización de tratamentos silvícolas preventivos de xeito mecanizado cun tractor en vía e camiños de titularidade municipal.
Estes traballos, que se executan cun tractor, consisten na limpeza e roza mecanizada en ambas as marxes das vías e camiños forestais. Despois de invitar a varias empresas a que achegasen os seus presupostos para realizar estes traballos, esta martes pola mañá, abríronse os sobres co obxectivo de elixir á empresa que realizará estas actuacións durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Por outra banda, esta semana está previsto que se abra un proceso selectivo para elixir a un capataz e a cinco peóns que formarán unha brigada, que realizará traballos de prevención e defensa de incendios forestais, dando sempre prioridade á defensa contra os devanditos lumes. Os compoñentes deste grupo de traballo, que desenvolverán as súas funcións durante tres meses, terán que realizar un curso teórico-práctico en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, así como pasar un recoñecemento médico e unhas probas de esforzo.
Esta brigada actuará no termo municipal de Ames, sempre e cando non sexa chamada para actuar en operacións de extinción e remate de incendios noutras zonas dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os integrantes deste grupo estarán dotados dun equipo de protección individual e contarán cun vehículo todo-terreo. Tamén disporán do material necesario para realizar o seu traballo como batelumes, desbrozadoras, etc.
No que se refire ás labores desta brigada o Concello de Ames adherirase ao procedemento operativo do PLADIGA 2015 como Plan director. Os trabalos de extinción serán sempre marcados polo Servizo de Prevención e defensa Conta Incendios Forestais. Os principais traballos de prevención que terán que desenvolver son a roza, rareo e eliminación de restos vexetais en área de cortalumes, vías e camiños municipais, e faixas de xestión da biomasa vexetal. Estas labores realizaranse de xeito manual, sempre e cando, non se poidan desenvolver co tractor que se vai contratar. Esta brigada actuará nunha superficie máxima de 10 hectáreas.
Plan Municipal de Protección ante Emerxencias por Incendios Forestais
Por último, tamén hai que destacar que nestes momentos o Concello de Ames está elaborando un plan municipal que recolle o modelo de actuación en caso de detectarse algún incendio forestal que ameace ou afecte a bens e/ou persoas. Este plan estará composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal (medios propios e alleos).
O concelleiro de Medio Ambiente, Blas García, explica que “hai que unir esforzos e colaborar con medios propios e alleos na extinción de incendios”. Ademais, fai un chamamento para que “calquera veciño ou veciña que detecte un incendio o comunique inmediatamente chamado ao teléfono 085 ou 112”. Por último, pide que “se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames se adhiere al convenio sobre los incendios forestales"