Pestanas principais

O Concello de Ames traballa na elaboración dunha ordenanza reguladora das actividades derivadas das operacións de corta de madeira

Martes, 12 de febreiro de 2013

[12-02-2013] A Concellaría de Medio Ambiente traballa na elaboración dunha ordenanza municipal que regulará as actividades derivadas dos traballos de corta de madeira. O obxectivo desta ordenanza é garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas municipais que poden ser obxecto de desperfectos orixinados por estas actividades. Nos últimos meses, son numerosas as queixas de veciños e veciñas trasladas ao Concello polo estado no que quedan as pistas e camiños forestais tras as cortas de madeira.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que a finalidade da elaboración de dita ordenanza é “regular diversos aspectos da xestión forestal que afectan ás actividades extractivas da madeira, debido á súa vinculación ao medio ambiente, bens municipais e convivencia veciñal en xeral”.

A futura ordenanza municipal reguladora de corta forestal, aínda en proceso de redacción, incluirá a obrigación dos interesados de solicitar autorización municipal con antelación, cando se trate dunha actividade de extracción de madeira superior aos 10 m3. Esta autorización non eximirá de calquera outra correspondente a outras administracións públicas. Ademais, a persoa interesada deberá depositar unha fianza que terá como obxectivo responder dos posibles danos que non se reparen voluntariamente.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames prepara unha ordenanza reguladora das actividades derivadas das operacións de corta de madeira"