Pestanas principais

O Concello de Ames terá que elaborar un plan especial para modificar o uso do chan no que se pretende construír o tanatorio-crematorio do cemiterio municipal

Luns, 16 de novembro de 2015

[16-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, para falar das posibilidades existentes para modificar o uso do chan no que se pretende construír o tanatorio-crematorio que lle daría servizo ao cemiterio municipal dos Batáns. A esta xuntanza tamén asistiron a arquitecta municipal e o arquitecto que elaborou o proxecto do cemiterio.

O goberno municipal expúxolle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e Urbanismo a posibilidade de elaborar un plan especial que modifique o uso chan onde se pretende construír esta instalación. A idea do goberno municipal foi ben acollida pola Xunta de Galicia. No proxecto recóllese que este tanatorio-crematorio estará situado nunha zona do actual aparcamento do cemiterio. Con esta modificación poderíase executar a construción desta infraestrutura, xa que na actualidade ao ser solo rústico non podería construírse.

O concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o plan especial afectaría ao chan que vai desde o peche do cemiterio municipal dos Batáns ata a antiga estrada que comunicaba con Quistiláns. Este plan, que elaborará un arquitecto/a reduce o tempo de tramitación, xa que outra das posibilidades baralladas era a modificación puntual do Plan Xeral, pero para iso sería necesaria unha tramitación de máis dun ano”.

Este plan especial deberá ser aprobado pola Xunta de Galicia. Ademais, o Concello pedirá a reversión da actual estrada que comunica a AC-543 con Quistiláns, deixando fóra a ponte que cruza a autovía Santiago-Brión, así como as parcelas expropiadas no seu momento para a construción deste viario.

Características do tanatorio-crematorio
Segundo indica o alcalde de Ames, José Miñones, “o Concello xa dispón dun proxecto para a construción do devandito tanatorio-crematorio. A ubicación deste tanatorio-crematorio no propio aparcamento do cemiterio permitirá ter as dúas infraestruturas moi próximas entre si, permitindo unha mellora dos servizos ofertados”.

O proxecto deste tanatorio, que ascende a preto dos 650.000 euros, contaría con 4 salas, aseos, unha sala de taxatoterapia, vestiario, crematorio, zona de carga e descarga de vehículos e un despacho administrativo, ocupando un total de 450 metros cadrados.

A pesar de que o edificio do tanatorio-crematorio se construiría na actual zona de aparcamento, o número de prazas que se manteñen será superior a 100, repartidas en tres zonas distintas, ademais de 3 prazas para autobuses. Ademais, o goberno municipal pretende incluír neste plan especial unha nova zona de estacionamento para o cemiterio, que estaría situada na marxe superior da estrada que da acceso ao propio cemiterio.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames deberá elaborar un plan especial para que el cementerio tenga tanatorio"
El Correo Gallego: "Un plan parcial amiense va a dotar al camposanto con su tanatorio y crematorio"