Pestanas principais

O Concello de Ames ten preparada unha exaltación de produtos de Outono para o mes de novembro

Luns, 05 de novembro de 2012

[05-11-2012] O Concello de Ames ten preparada unha novidosa programación de actividades para festexar o Magosto de 2012. Ao longo deste mes desenvolverase unha exaltación de produtos de Outono baseada principalmente en dous produtos: o cogomelo e a castaña. O venres 9 de novembro, ás 19:30 horas, realizarase unha charla – coloquio sobre a iniciación aos cogomelos na Aula da Natureza. O día seguinte, 10 de novembro ás 10:30 horas, haberá unha saída micolóxica para recoller cogomelos nos montes do contorno de Bertamiráns. Estes cogomelos estarán expostos na festa do magosto que se desenvolverá durante a tarde do sábado 10 de novembro. Por último, para o sábado 17 de novembro, organizouse un obradoiro de cociña na que se elaborarán tres pratos diferentes con produtos galegos nos que se incluíran diferentes cogomelos. Na imaxe que está nesta nova podes ver un mapa con explicacións para chegar a Aula da Natureza. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter este mapa en PDF.

Os veciños e veciñas de Ames terán a oportunidade de participar na Exaltación de produtos de Outono que ten preparada o Concello de Ames para este mes de novembro. Estas actividades xirarán ao redor da celebración do magosto de 2012, que se desenvolverá o sábado, 10 de novembro, na praza de Chavián, situada en Bertamiráns. Arredor desta celebración hai unha serie de actividades programadas sobre o mundo da micoloxía.

O venres 9 de novembro, ás 19:30 horas, impartirase unha charla – coloquio sobre a iniciación aos cogomelos. Esta actividade, que se desenvolverá na Aula da Natureza, será impartida por Xaime González Ortega, profesor de secundaria e gran coñecedor do mundo dos cogomelos. Neste obradoiro impartiranse nocións sobre que é un fungo; para coñecer o mundo dos fungos e diferenciar os distintos xéneros de cogomelos que existen; así como para saber os diversos usos que teñen tanto na alimentación como noutros eidos. Tamén se coñecerán as súas características morfolóxicas e se son comestibles ou tóxicos. Abordaranse aquelas especias que son consideradas máis significativas dentro dos cogomelos que se poden ver nos montes galegos. Para este obradoiro ofértanse un total de 40 prazas.

Trala parte teórica o sábado pola mañá pasarase a acción. Deste xeito, desenvolverase unha saída micolóxica por distintas zonas da localidade de Bertamiráns. Faranse varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona en concreto. Os participantes terán a acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Esta saída comezará arredor das 10:30 horas e terá unha duración aproximada de tres horas. Estableceuse como punto de saída a praza do Concello, en Bertamiráns. Para esta actividade non hai un límete de prazas. Xa pola tarde farase unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto.

Para o sábado 17 de novembro, ás 17:00 horas, queda o obradoiro de cociña de cogomelos. Un cociñeiro elaborará tres sinxelos pratos nos que empregará produtos típicos galegos. Estas receitas incluirán cogomelos. Ademais, o cociñeiro resolveralle todos as dúbidas que teñan os participantes tanto sobre a preparación destes pratos coma sobre a utilización de outros cogomelos que tamén se poden cociñar. Por último, ofrecerá unha serie de recomendacións para que os participantes saiban que pratos poden incluír os cogomelos como complemento. Para este obradoiro tamén se ofertan un total de 40 prazas. Todas estas actividades están abertas a todos os públicos.

Para ampliar calquera outra información sobre estas actividades poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665 ou coa Concellaría de Medio Ambiente enviando un correo electrónico á dirección medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.

Festa do Magosto
Ademais do cogomelo a outra protagonista da Exaltación de produtos de Outono será a castaña. Deste xeito, o sábado 10 de novembro, a praza de Chavián de Bertamiráns acollerá a celebración do Magosto. Nesta festa estarán expostos os cogomelos que previamente se recolleron na saída micolóxica. A veciñanza amiense poderá vivir unha tarde chea de música tradicional, xogos populares, castañas, bolos preñados e, como non, moita festa. Desde xogos para os máis pequenos a música para os máis maiores, ninguén quedará sen divertirse. O Magosto estará amenizado polas charangas Oito nun piso e Follas Novas. A partir das 18:00 horas farase o reparto de castañas e bolos preñados. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org