Pestanas principais

O Concello de Ames súmase á XVI limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

Luns, 18 de setembro de 2023

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Medio Ambiente e Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 24 de setembro, a partir das 10:30 horas, facendo unha limpeza dos regos do Ameneiral e Pasos. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que debido a que “a auga é o ben máis prezado que temos, estas limpezas son de máxima importancia e é vital implicar aos máis novos para inculcar esta cultura de conservación do medio”.

A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008 unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais e amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O Concello súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar este domingo, 24 de setembro, na limpeza de ríos e regos de Ames. O punto de inicio e finalización estableceuse na praza do Concello, en Bertamiráns. Neste punto de encontro recibirase, ás 10:30 horas, a todos/as os/as participantes. Unha vez realizada a presentación da actividade e, tras dar as instrucións oportunas sobre como se debe desenvolver a limpeza, faranse diversos grupos. Este ano realizarase unha limpeza do rego do Ameneiral, dende o parque do Ameneiral ata o lugar de Castrigo do rego dos Pasos, de Bertamiráns a Pousada.

Está previsto que as labores de limpeza rematen arredor das 13:00 horas. Unha vez transcorrida a actividade, os/as participantes reuniranse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada rego, e, despois, todo será depositado nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.

O Concello anima a que, dende as parroquias, se formen outros grupos que saian a realizar a limpeza polo regos mais próximos.

Recomendacións para realizar a actividade
Dende o departamento de Medio Ambiente recoméndase levar calzado e roupa resistente, así como luvas, para evitar facer feridas, xa que entre o lixo pódense atopar botellas de vidro rotas e outros obxectos.

Faranse grupos de dúas ou tres persoas por treito, e cada persoa traballará nunha zona específica de cada treito. Haberá que intentar separar os diferentes tipos de lixo para posteriormente depositalos nos contedores de reciclaxe. En caso de atopar aceites de coches e residuos líquidos, non se poden mesturar.

Ao rematar a actividade, deberase limpar o material empregado para evitar dispersar semente de flora exótica invasora ou, no caso de anfibios, transmitir enfermidades.

Por outra banda, dende a Concellaría de Medio Ambiente agradécese que se fagan fotos da limpeza e do lixo recollido para divulgar a acción realizada nos medios de comunicación e nas redes sociais. Deste xeito, estarase a contribuír na concienciación sobre a importancia de coidar o medio ambiente.

Inscricións
Para anotarse na actividade é preciso enviar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Na páxina web para a limpeza https://proxectorios.org/limpeza/ especifícase que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes, que financian e colaboran neste proxecto.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames participa na XVI limpeza simultánea de ríos de ADEGA"

AMS GO!: "Ames súmase á XVI limpeza simultánea de ríos"

El Correo Gallego: "Diez concellos de las comarcas compostelanas se lanzan a cuidar y limpiar los ríos con Adega"

Cartaz de "Móllate polos ríos" 2023

Multimedia

  • Cartaz de "Móllate polos ríos" 2023