[26-09-2018] O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, o espazo escollido é o Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 30 de setembro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando, nos últimos anos, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A XI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 51 concellos de toda Galicia, e participarán un total de 63 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta undécima edición.
O obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais. O Concello de Ames súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar na limpeza do Rego dos Pasos, este domingo, 30 de setembro.
O punto de encontro será na praza do Concello de Bertamiráns, ás 10:30h. Está previsto que as labores de limpeza rematen por volta das 13:00 horas. Posteriormente, os residuos recollidos serán clasificados e depositados en bolsas para ser reciclados. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.
Inscrición na Aula da Natureza
As persoas interesadas en participar deberán pórse en contacto coa Aula da Natureza a través do enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Recoméndase levar calzado impermeable, cómodo e resistente, luvas e roupa axeitada para a tarefa. As nenas e nenos que participen desta actividade deberán estar sempre acompañados dunha persoa adulta. Deberase ter especial coidado naquelas zonas nas que a corrente circule con maior forza, evitando darlle as costas ao río. Prégase, asemade, que as persoas participantes separen o lixo na medida do posible, co obxectivo de facilitar a súa posterior reciclaxe.
Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza. Na páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ especifícase que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes, que financian e colaboran neste proxecto.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "ADEGA organiza en Bertamiráns unha limpeza de lixo no río Rego dos Pasos"




