Pestanas principais

O Concello de Ames súmase á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade co desenvolvemento de numerosas actividades

Sábado, 14 de setembro de 2019

O Concello de Ames desenvolverá a próxima semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrará do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, circular e camiñar de forma segura, haberá actividades reivindicativas e de seguridade viaria, charlas nos institutos do concello, un concurso de debuxo, marchas e andainas familiares, etc. Trátase de concienciar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

O Concello de Ames acábase de rexistrar como participante desta semana na súa aposta polo impulso doutras formas de desprazamento e protección do medio ambiente. O programa deseñado polo Concello de Ames inclúe diferentes iniciativas. Así, o próximo luns, 16 de setembro, desenvolverase o Parking Day, unha actividade reivindicativa do espazo público que consiste en crear un xardín efémero por un día nunha praza de aparcamento. Farase no Milladoiro, na rúa das Palmeiras, e en Bertamiráns, na rúa Pesqueiras.

Durante a semana tamén se impartirán charlas nos IES do concello baixo o título: “Conducir sen riscos, seguridade para todos” e “Como actuar ante un accidente de tráfico”. Ademais, organizarase un concurso de debuxo para rapaces e rapazas de 3 a 6 anos có slogan: “Como te desprazas polo teu concello”.

Fin de semana
Por outra banda, durante a fin de semana haberá marchas ciclistas, actividades de seguridade viaria e andainas. Deste xeito, o venres 20, pola tarde, os/as membros da Agrupación de Protección Civil de Ames impartirán un obradoiro no que se simulará un accidente de bicicleta e se impartirán nocións de como facer unha inmobilización e de primeiros auxilios. Será ás 19:00 horas no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro. Pola noite, ás 22:00 horas, farase unha marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello, pasando pola Condomiña, Sisalde e Agro do Muíño.

O sábado, 21 de setembro, os/as axentes da Policía Local impartirán unha actividade de seguridade viaria denominada “Conduce seguro en bicicleta pola cidade”, que estará dirixida a rapaces e rapazas que teñan de 6 anos en diante. Os rapaces e rapazas que desexen participar terán que levar a súa bicicleta e mailo casco. Este obradoiro desenvolverase na rúa das Palmeiras, no Milladoiro, entre as 11:00 e ás 13:00 horas. Para a tarde do sábado está prevista unha marcha familiar en patinete, patíns, skate ou camiñando, que se desenvolverá polo paseo fluvial de Bertamiráns e rematará na praza do Concello, a partir das 18:00 horas.

Andaina saudable
Por último, o domingo 22 de setembro, desenvolverase unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a partir das 10:30 horas. A saída será dende a Igrexa nova do Milladoiro e haberá servizo de autobús á ida, desde a Praza do Concello en Bertamiráns, ás 10:00 horas, e á volta dende o Milladoiro sobre as 14:00 horas.

Os/as participantes terán que percorrer arredor de sete quilómetros nos que poderán gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Para participar desta andaina é preciso inscribirse antes das 14:00 horas do próximo xoves, 19 de setembro. Pódese facer a través do correo electrónico servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou no teléfono 981890964.

Semana Europea da Mobilidade
A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

Está iniciativa xurdiu en Europa en 1.999 e a partir do ano 2.000 contou co apoio da Comisión Europea. Celébrase cada ano, do 16 ao 22 de setembro, realizando actividades para promocionar a mobilidade sustentable e fomentando o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes. O 22 de setembro celébrase ademais o evento A cidade, sen o meu coche!, orixe desta iniciativa europea, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "El «párking day» abre la Semana da Mobilidade en Ames"

Programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade

Multimedia

  • Programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade
  • Cartel da andaina saudable do 22 de setembro