Pestanas principais

O Concello de Ames súmase á "Campaña vixilancia e control de distraccións ao volante" da DXT

Sábado, 18 de setembro de 2021

A Policía Local de Ames vai participar na Campaña da DXT de “Vixilancia e control de distraccións ao volante”. A campaña vaise levar a cabo entre o 16 e o 23 de setembro. Os estudos apuntan que as principais distraccións ao volante son o uso do teléfono móbil, empregar navegadores e fumar. Durante a campaña do ano pasado controláronse 355.763 vehículos en toda España denunciando a 5.712 condutores.

Marcar un número de teléfono, responder a unha chamada, ler ou contestar un “WhastApp”, prender un cigarro, axustar a radio ou programar o navegador mentres se conduce son algunhas das distraccións máis habituais. Para detectalas e denuncialas a DXT pon en marcha un ano máis a Campaña de vixilancia e control de distraccións ao volante en toda España. A Policía Local de Ames súmase a esta campaña que se vai levar a cabo no termo municipal entre o 16 e o 23 de setembro.

Esta campaña ten por obxecto concienciar aos condutores sobre a importancia de evitar as distraccións ao volante. En 2019 notificáronse 1.755 falecidos por accidentes de tráfico. Sendo por cuarto ano consecutivo as distraccións ao volante o factor máis frecuente en accidentes mortais ao estar presentes nun 28% dos sinistros, seguidas do consumo de alcol (presente nun 24%) e da velocidade (presente nun 23%).

O uso do teléfono móbil mentres se conduce é a distracción máis repetida entre os condutores. Segundo os estudos o uso deste tipo de dispositivos multiplica por catro o risco de sufrir un accidente e constatan que o risco pode chegar a ser equiparable á condución con exceso de alcol.

Outra das causas de distracción ao volante é a de prender un cigarro. Con ese simple xesto perdemos 4 segundos, un tempo que a unha velocidade de 100 km/h supón percorrer 113 metros. Unha distancia máis que suficiente para que se produza unha saída de vía, un choque por alcance ou un atropelo. Segundo un estudo os fumadores multiplican por 1,5 o risco de ter un accidente de circulación.

A estas causas hai que sumar factores inherentes aos condutores como a fatiga, a somnolencia, o estrés, a  depresión ou a idade avanzada. Por iso dende a DXT recomendan: durmir ben antes de coller o coche, non facer comidas copiosas, coidar a inxestión de medicamentos e manter unha temperatura de entre 21 ou 22 grados no vehículo.

Datos da última campaña
Na campaña de vixilancia e control de distraccións ao volante levada a cabo en setembro de 2020 participaron 267 municipios.

Durante unha semana controláronse 355.763 vehículos e denunciáronse 5.712 condutores por realizar accións que supoñen unha distracción durante a condución.

Das 5.755 denuncias interpostas, a metade das mesmas (2.873) foron por utilizar  o teléfono móbil mentres conducían. 392 correspóndense con condutores que foron denunciados por conducir con auriculares ou cascos.

O uso de navegadores, pantallas de acceso a internet, reprodutores de vídeo ou DVD durante a condución foi motivo de denuncia para 65 condutores. Destaca, tamén, a colocación do cinto de seguridade, cando se dan conta da presenza dos axentes de tráfico ou de que os están vixiando dende o aire. En concreto foron 484 as denuncias por estas accións.
Ademais os axentes formularon 1.395 denuncias por fumar, maquillarse ou buscar  obxectos ao volante.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, destaca a importancia desta campaña e a necesidade de que desde os concellos participemos na mesma, dado que "as distraccións ao volante, en especial o uso do teléfono móbil, son unha das infraccións máis detectadas polos axentes da Policía Local, por iso é polo que nos sumamos ao chamamento da DXT para reforzar o impacto da campaña”.

E engade “sumándonos a esta campaña preténdese lanzar unha mensaxe de concienciación e de reflexión, xa que a condución esixe toda a atención dadas as fatais consecuencias que se poden derivar en caso contrario”.

O Concello de Ames súmase á "Campaña vixilancia e control de distraccións ao volante" da DXT