Pestanas principais

O Concello de Ames sufragará novos investimentos, gasto corrente, gastos extraordinarios de servizos sociais e reducirá a débeda con cargo ao POS+ 2021

Venres, 05 de febreiro de 2021

O Pleno aprobou este xoves, 4 de febreiro, a participación do Concello de Ames no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos), POS+ 2021, da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.272.459,80€, dos cales 1.152.131,60€ (472.496,40€ da achega 2021 e 679.635,24€ da achega de 2020) son para a execución de oito novos proxectos; e 120.328,23€ para a redución de débeda. Ademais, disporase de 34.618,19€ para o financiamento de gastos correntes. No Plan complementario de 2021 recollese unha partida de 972.963,45€ para a execución de cinco proxectos e no POS+ Adicional 1/2021 contémplanse 306.290,04€ para gastos sociais extraordinarios.

En primeiro lugar a Corporación municipal ratificou por unanimidade a urxencia da convocatoria do pleno extraordinario. De seguido, abordouse a aprobación do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos), POS+2021, que saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros/as do grupo municipal popular, mentres que os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas de Ames Novo, e José Ramón Oulego de Ciudadanos, abstivéronse.

O POS+ 2021 está dotado de 1.272.459,80€, dos cales 1.152.131,60€ (472.496,40€ da achega 2021 e 679.635,24€ da achega de 2020) son para a execución de oito novos proxectos; e 120.328,23€ para a redución de débeda. Estes proxectos son o acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns, na parroquia da Ameixenda; a mellora da accesibilidade no recorrido de conexión rúa do Rego coa Travesía do Porto, no Milladoiro; a pavimentación da estrada de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido; a pavimentación de interiores en Pedras, na parroquia de Ames; as obras de mellora das condicións térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro; a reurbanización de Horta de Abaixo, en Bertamiráns; a reparación e mellora na Casa de Cultura de Bertamiráns; e maila mellora de acceso a Trasmonte, na parroquia de Trasmonte.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o principal criterio de selección destas obras “é o de atender as distintas demandas veciñais e mellorar a calidade de vida dos veciños, incidindo tanto nas zonas rurais como nas zonas urbanas do Concello. Así vemos que se inclúen proxectos de mellora de camiños e estradas municipais en sete parroquias do concello e que son amplamente demandados pola veciñanza, todo elo sen esquecer tampouco algunha actuación nas zonas urbanas de Bertamiráns e do Milladoiro. Tendo en conta o POS complementario vanse executar 13 proxecto. O 65% das actuación previstas vanse a realizar no rural de Ames, mentres que o 35% executarse en zonas urbanas”.

Os grupos políticos da oposición mostraron o seu malestar co pouco tempo de antelación co que se convocaron as comisións informativas e mailo pleno extraordinario, o que provocou que non puidesen estudar con detalle toda a documentación do POS+ 2021. José Ramón Oulego, de Ciudadanos, dixo que “todas as obras e melloras que se poidan facer no concello son necesarias, pero non estamos de acordo coa forma de proceder na convocatoria deste pleno extraordinario”.

Quique Costas, de Ames Novo, manifestou “non houbo ningún intento de tratar de consensuar as obras do POS, pero isto non é algo de agora, xa os goberno anteriores tampouco tiveron intención algunha de acordar as obras do POS. Neste senso non se avanzou nada. Recibimos a documentación hai tres días, polo que dificilmente podemos analizala en profundidade”.

Por parte do grupo municipal popular interviu, Javier Olmo, que incidiu en que no pasado mes de decembro presentaron unha proposta con obras de saneamento para incluír no POS, pero non se tivo en conta. “No POS non se inclúen obras de servizos de prestación esencial para a veciñanza de Ames, como son as obras de saneamento. Cremos que deberían incluírse este tipo de proxectos”. Neste sentido, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que as obras de saneamento sufragaranse con cargo ao canón do Ciclo integral da auga e que en 2021 está previsto investir máis de 600.000 euros en saneamento.

Redución de débeda
Tamén hai que destacar que se van dedicar 120.328,23 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. O Concello de Ames contratou un préstamo coa entidade bancaria ABANCA o pasado 11 de decembro de 2018, por valor de 222.895,50 euros, para sufragar actuacións da EDUSI Impulsa Ames, dos cales o importe que queda pendente de aboar ascende a 196.648,08 euros. Deste xeito, vanse dedicar 120.328,23 euros a pagar o importe pendente de pago de dito préstamo.

Ademais, disporase de 34.618,19 euros para o financiamento de gastos correntes. A previsión de gasto corrente para o Orzamento de 2021 ascende a 480.000 euros, polo que parte unha parte de dito gasto cubriranse cos 34.618,19 euros da achega provincial.

Plan complementario de 2021
O Plan complementario de 2021 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar cinco proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 972.963,45 euros. Tres destes proxectos recollen obras de pavimentación de interiores e accesos de Ventín (parroquia de Biduído), pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo (parroquia de Ames) e pavimentación da estrada de A Garea e interiores (parroquia de Agrón).

Outro dos proxectos é a mellora dos vestiarios da praia fluvial de Tapia e do muíño desta área recreativa (local de carácter lúdico utilizado principalmente na primavera e na época estival para realizar reunións e comidas de amigos/as). Tamén se inclúe nesta partida as obras de acondicionamento para a mellora de espazos verdes con acceso rodado no polígono de Novo Milladoiro. Esta obra vaise acometer nos espazos verdes anexos ao norte da rúa Castiñeiras, no parque empresarial do Novo Milladoiro.

POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios
O terceiro punto da orde do día recollía a aprobación do POS+ Adicional 1/2021 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal.

No POS+ Adicional 1/2021 contémplanse 306.290,04 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 83.684,44 euros ao reforzo de persoal (técnico e/ou administrativo) adscrito aos departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual. O importe restante, que ascende a 222.605,60 euros, dedicaríase a outras medidas que o departamento municipal de servizos sociais considere imprescindibles e urxentes para atender ás persoas especialmente vulnerables, así como os servizos e centros de carácter municipal, con motivo da crise sanitaria da Covid-19 e sexan debidamente xustificadas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La oposición de Ames se siente excluida del debate del POS"

Imaxe do pleno extraordinario do 4 de febreiro de 2021